Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
ESTRATEXIA

O PSdeG cre que unha participación inferior ao 63% pode darlle a absoluta ao PPdeG

Blanco toma o control da campaña e advírtelles aos cadros do partido que é preciso forzar a máquina ao máximo. O BNG móstrase máis optimista.

R.V. - 19:00 12/02/2009

Non hai tempo nin para alentar: Isto é o que lles está a transmitir a sede nacional da rúa do Pino a todas e cada unha das bisbarras do país. A dirección do PSdeG non quere que militantes e simpatizantes se relaxen porque saben que o PPdeG chega máis vivo do agardado á cita do 1 de marzo. A consigna é clara: Hai que buscar o voto porta a porta.

Cadros socialistas consultados por Vieiros, recoñecen que nos últimos días hai algo máis de intranquilidade no partido. O propio vicesecretario xeral do PSOE, Xosé Blanco, asumiu a estratexia de cara a campaña. Mentres que o de Palas de Rei vai ser o que mova a militancia e as comarcas, o gabinete de confianza de Touriño vaise encargar de enviar unha mensaxe máis “presidencialista”.

As ordes de Blanco, que desembarcou en Galiza acompañado de técnicos de Ferraz, son claras: É preciso facer unha campaña en positivo fuxindo de entrar nas críticas do PPdeG. No PSdeG coidan que a estratexia dos “populares” está deseñada dende hai meses. Esta pasaría pola crítica ás diverxencias do bipartito e á xestión “pouco transparente” do mesmo. O obxectivo sería evidente: desencantar os simpatizantes socialistas e nacionalistas, conscientes da dificultade de atraelos para os postulados conservadores.

Por todo o anterior, segundo puido saber este xornal, para o PSdeG  a participación é fundamental de cara ao 1-M.  O equipo de Xosé Blanco considera que para apuntalar a vitoria do bipartito é preciso que haxa unha participación alta. Todo o que sexa baixar do 63%  representaría un perigo para a continuidade da actual coalición. En 2005 batéronse marcas logo de que un 64,2% dos galegos censados pasasen polos colexios electorais (a cifra non computa o voto do CERA)

O BNG dá por segura unha caída do PPdeG de entre tres e catro escanos

No BNG coinciden en parte coas teses dos socialistas: É preciso mobilizar ao máximo ao electorado para evitar sorpresas na noite electoral. Porén, dende a formación frontista consideran que a vitoria do PPdeG é pouco probábel. Os nacionalistas sinalan que todos os estudos demoscópicos que barallan estiman unha caída do PPdeG, que cifran entre tres e catro deputados, dos que, polo menos dous, caerían a favor da candidatura de Quintana.

Pero cales son as tres apostas do BNG de cara a estes últimos quince días? Dentro da organización nacionalista teñen asumido que é fundamental mobilizar o voto historicamente fiel ao BNG e seguir atraendo á mocidade. O terceiro factor sería a confianza de que o labor de goberno atraia votantes que antes optaban polo PSdeG ou o PPdeG. A conxunción destas tres claves garantiría o éxito nas urnas.

Mais se algo preocupa tanto a socialistas como a nacionalistas, máis aló do resultado que prognostican as enquisas, son as preguntas sobre o grao de satisfacción co Goberno. Logo de catro anos de bipartito, a visión da cidadanía cara o labor das consellarías non é tan bos como o que agardaban os socios do executivo.


5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: