Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Primeiros emigrantes na illa

Novos estudos volven ligar xeneticamente os irlandeses con Galiza

Presentados esta fin de semana en EUA, no congreso anual da American Association for the Advancement of Science que edita a revista 'Science'.

Redacción - 17:00 16/02/2009

O profesor Dan Bradley do Instituto de Xenética Smurfit (Trinity College) de Dublín presentou esta fin de semana en Chicago (EUA) o traballo elaborado polo seu grupo investigación sobre a orixe dos habitantes da illa de Irlanda e como estes chegaron a ela, informa o xornal Irish Times.

Bradley e os seus centráronse no estudo dos xenes asociados ao cromosoma Y, a herdanza xenética que procede do pai. Segundo o exposto no congreso anual da American Association for the Advancement of Science (a histórica organización científica que edita a revista Science), os 'parentes' máis próximos aos irlandeses localízanse en varias partes do norte peninsular, especialmente na Galiza.

O científico estivo acompañado na súa exposición polo arqueólogo e lingüista da Queen’s University de Belfast, o profesor James Mallory, que traballa na adaptación deste tipo de estudos xenéticos á análise da transmisión de linguas a través da Europa Occidental.

Rastrexando a presenza de certos indicadores de cromosomas Y, Bradley viaxou atrás no tempo para trazar o mapa de parentesco dos irlandeses en relación con outros pobos europeos, e comprobou esta forte relación entre o noroeste da Península Ibérica e os habitantes do oeste de Irlanda, principalmente.

Tamén na fauna, outra das áreas analizadas polo investigador, atópase esta conexión xenética. Así, obsérvase por exemplo que, a diferenza dos británicos, os porcos teixos irlandeses son ibéricos. "A fauna de Irlanda semella ser diverxente. Como explicamos isto?", cuestionouse Bradley.

Lebor Gabála Érenn
(Libro da Invasión de Irlanda)

Todo apunta á chegada de emigrantes do norte peninsular, cando os glaciares da última glaciación comezaron a desaparecer da illa. Neste senso citou o Lebor Gabála Érenn (Libro da Invasión de Irlanda), obra manuscrita de grande importancia historiográfica e narrativa compilada no século XI, que relata a chegada do fillo de Breogán, Ith, dende a costa ártabra.

Pola súa banda, Mallory salientou a dificultade de conectar a transmisión de linguas coa dispersión xenética nas migracións dos pobos a través de Europa, extremadamente difícil debido a interrupción de influencias como a transmisión vía "dominio das elites".

Áreas de asentamento cunha única lingua, tomadas posteriormente por invasores, verían o desprazamento desta, cos recén chegados impondo a súa propia. Porén, o acervo xenético local semella permanecer e diluír a influencia do ADN dos novos poboadores.


4.76/5 (38 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: