Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Esta cuarta feira e o vindeiro 8 de marzo

Os colectivos LGBT maniféstanse contra o crime homófobo de Vigo

Un xurado absolveu o presunto autor do asasinato dunha parella homosexual en 2006. Aínda que confesou o crime, alegou actuar en defensa propia.

Redacción - 12:45 24/02/2009
Imaxe tirada da web de Maribolheras Precárias

Imaxe tirada da web de Maribolheras Precárias

A pasada sexta feira, un xurado popular absolvía de dous delitos de asasinato, cometidos en xullo de 2006 en Vigo, a Jacobo Piñeiro Rial. Porén, considerouno culpábel do incendio que provocou na vivenda das vítimas, para borrar as pegadas do crime.

Pérez Rial xa se tiña confesado autor do duplo asasinato que terminou coa vida de Isaac Pérez Treviño e Julio Anderson Luciano, na vivenda que a parella compartía na rúa Oporto da cidade olívica, mais alegara "defensa propia", confesando que o que o moveu a matar aos dous homes foi un "medo insuperábel" a ser "violado" por eles.

Tras a lectura do veredicto, o fiscal e a acusación particular pedíronlle á xuíza que impuxese a pena máxima por ese único delito de incendio, e anunciaron a súa intención de recorrer a sentenza no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Os colectivos LGBT cren que a sentenza lexitima os crimes homófobos
Os colectivos LGBT de Galiza denunciaron que os membros deste xurado popular amosaron prexuízos sexuais ao redactar unha resolución que, ao ser ver, xustifica e ampara os asasinatos homófobos e abre a veda para cometer crimes deste tipo. Alén disto, amosaron unha forte repulsa "a todo tipo de manifestación de odio que denigra e despreza as vidas das persoas pola súa orientación sexual ou identidade de xénero".

Dende o colectivo Maribolheras Precárias denuncian, que o xurado lexitimase, coa súa resolución, "malinterpretando totalmente" o dereito xurídico, "que un home heterosexual está lexitimado a actuar violentamente se se sente molesto ao insinuárenlle relacións sexuais que considera inmorais ou perversas".

Polo seu lado, a Federación Aturuxo -conformada por Mulleres lésbicas e bisexuais da Galiza (BOGA); o Colectivo Gai de Compostela; TransGaliza; a Asociación de Gais, Lesbianas e Transexuais de Ourense (AGLET); Nós Mesmas, de Vigo; e Panteras Rosa Galiza- enviou un comunicado no que se amosan "horrorizados e horrorizadas pola sentenza", ao tempo que se preguntan "sen encontrar fácil resposta", sobre as motivacións dese veredito: "Estas non son outras que a máis crúa homofobia, o odio ao diferente e o desprezo absoluto á vida humana cando se trata de maricóns", sinalan.

Manifestación e concentracións en Vigo e Compostela
Para denunciar unha sentenza que consideran ilexítima, os colectivos LGBT sairán á rúa: o vindeiro 25 de febreiro está convocada unha concentración en Compostela (ás 20:00 horas na Praza do Toural), e o 8 de marzo, ao mediodía, unha outra na Porta do Sol, en Vigo. Maribolheras anunciou unha inminente convocatoria de manifestación na Coruña, e unha a nivel global que lanzarán "a través das redes queer". Na rede xa existen, ademais dos propios blogs e páxinas dos colectivos, un par de grupos no Facebook que denuncian o "crime homófobo".


4,43/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: