Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
CAMBIO DE ESTRATEXIA

O PSdeG-PSOE quere xogar só

Xosé Blanco non se pronuncia sobre a repetición do pacto co BNG e afirma que os socialistas se presentan "con vocación de maioría" para "gobernar en solitario".

Redacción - 19:05 24/02/2009

A medida que nos achegamos ao 1 de marzo o PSdeG-PSOE fai maiores esforzos por marcar distancias co BNG. Mantén a estratexia de 'non agresión' ao seu socio de goberno, como tamén fai o partido de Quintana, pero nos últimos días comeza a insinuar que podería gobernar en solitario, ou que en calquera caso decidiría en solitario en cuestións como a lingua. Touriño busca os votos daqueles indecisos que dubidan entre apoiar a PSOE e ao PP e que segundo a enquisa do CIS publicada ao comezo da campaña constitúen o grupo máis numeroso de persoas que aínda non decidiron o seu voto. Aquela sondaxe inidicaba que catro de cada dez galegos estaban indecisos (uns 800 mil votantes), e entre eles unha cuarta parte dubidaba entre Touriño e Feijoo, é dicir, ao redor de 200 mil. Outras enquisas indicaban que moitos destes indecisos e mesmo unha parte significativa dos votantes socialistas rexeitaban un pacto de goberno PSOE-BNG.

Este martes de Entroido Xosé Blanco visitou Lugo e entrou pisando forte, como se nesta derradeira semana de campaña o secretario de organización do PSOE decidise tomar o timón da estratexia socialista. Evitou pronunciarse sobre a reedición do pacto bipartito e afirmou que o PSdeG-PSOE se presenta con "vocación de maioría" para gobernar en "solitario". A mensaxe que xa se intuía nos carteis electorais de Touriño: 'Dálle máis forza' faise explícita agora como unha petición do voto para que o PSdeG-PSOE goberne con máis autonomía e menos ataduras do BNG.

Blanco concluíu que "se votan todos os que nos votaron hai catro anos ou os que votaron a Zapatero e tamén os desencantados co PP, teremos esa ampla maioría para ter un presidente con máis fortaleza e poder gobernar sen ningún tipo de ataduras máis aló do compromiso con Galicia". De igual xeito o luns, nun mitin en Noia, Touriño pedía o voto "dunha ampla maioría" para "gobernar sen ataduras". De novo o lema electoral do BNG ('sen ataduras') na boca dos dirixentes socialistas. E tamén incidiron neste discurso Pachi Vázquez: "O PSOE pode gobernar en solitario, porque da indecisión vai a saír un voto masivo aos socialistas" ou Alfonso Guerra, que advertiu en Arteixo que o nacionalismo é ""un movemento conservador e con tintes reaccionarios".

Touriño ofrece pactos nacionais sobre a crise económica, a lingua e o novo Estatuto
Este martes o candidato do PSdeG-PSOE estivo en Ames. Alí non fixo referencia ao BNG, pero si a dous dos asuntos nos que os socialistas parecen querer marcar distancias cos seus socios, ou cando menos nos que se queren presentar como garantes do consenso: lingua e autogoberno. Touriño propúxolles a populares e nacionalistas chegar a tres grandes pactos nacionais nestes dous temas, así como na loita contra o desemprego e a crise económica.

Fragmento do discurso de Emilio Pérez Touriño

O candidato socialista reiterou que en materia lingüística quere "un novo consenso" que evite as "divisións e rupturas" e que asegure que "non haberá imposicións", ao tempo que acusou ao PP de iniciar unha "guerra lingüística". E en canto ao autogoberno, Touriño incidiu en que a reforma do Estatuto deb respectar a Constitución e culpou a Núñez Feijoo de paralizar o proceso de reforma.

Blanco a Gallardón: "Se me vai ben a min, irache ben a ti"
Xosé Blanco protagonizou campaña electoral este martes, non só polas súas declaracións, senón por unha frase que lle dixo a Alberto Ruíz-Gallardón na Praza Maior de Lugo. Atopáronse de forma casual, e despois dun intercambio de saúdos e frases forzadas, o alcalde de Madrid despediuse cun "Ti cóidate, éxito no persoal, pero no político non". Pero a resposta de Blanco foi moito máis incisiva e irónica: "Se me vai ben a min, probablemente iráche ben a ti", en referencia ás leas internas no PP e a que unha derrota electoral dos populares podería levar a Gallardón a susbstituír a Rajoy á fronte do partido.


4.33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: