Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A análise nos blogs

Reflexión electoral no blogomillo: da derrota dunha xeración ao punto final inesperado

Achegámoslles unha escolma de artigos aparecidos logo da noite do 1M ao respecto da viraxe política en Galiza.

Redacción - 12:00 04/03/2009

Escribe Manuel Bragado na súa bitácora Brétemas o apunte Derrota para unha xeración:
"A súa inapelable derrota deixa eivada á cidadanía progresista galega durante toda unha xeración (...) Onte estragouse, quizais por moito tempo, unha posibilidade preciosa para que a esquerda encabezase a profunda rexeneración democrática pendente no país (...) Ao longo da lexislatura toda, o bipartito nunca conseguiu entusiasmar. A pesar do seu bo nivel de produción lexislativa e de eficacia na execución orzamentaria (...) Descarto que o PSdeG-PSOE vaia a repetir a experiencia de coalición cos nacionalistas como unha liña do seu desenvolvemento estratéxico (...) o retroceso electoral sementa dúbidas sobre a estratexia [ de Quintana de promover o Partido Galeguista do século XXI] Porén, e reabre o debate sobre a viabilidade organizativa da frente".

No blog De Paso, o artigo titulado: Tras o naufraxio: tamparrantán, lemos:
"ao Partido Popular bastáballe con resistir pero ao PSdeG e ao BNG non lle era suficiente con dirixir as institucións do autogoberno galego. Gramsci Consultores podería ternos advertido tamén que o Partido Popular perdera o consenso pero conservaba a autoridade, e que a coalición BNG-PSdeG gobernaba pero non era dominante. Jimmy o Santo [Andy García], o protagonista da magnífica Cousas que facer en Denver cando estás morto, formulouno dun xeito máis gráfico: «Podes ser un home cun garfo nunha terra de sopas.» E aí estabamos nós cun garfo intentando gobernar a terra de sopas do Partido Popular".

No seu caderno Croques, o xornalista Perfecto Conde achega varias pezas, na titulada O Olimpo de Quintana escribe:
"Nin dinámica propia nin farrapo de gaitas. Anxo Quintana e a actual dirección do BNG están a equivocarse de punta a punta. A estas horas o candidato fracasado tiña que estar non só recollendo os seus obxectos persoais no despacho da Vicepresidencia da Xunta senón tamén na ”vocería” da organización nacionalista, diga o que diga o oráculo de Antón Losada, que quizais tamén debería ir pensando en dimitir por segunda vez".

Blas García escribe na súa bitácora a reflexión Punto e final inesperado:
"Estou seguro de que o PSdeG sobrevivirá a esta situación porque xa o fixemos noutras ocasións, e porque ninguén é imprescindible. Hoxe –ou onte- rematou unha época, púsose fin a un anaco da historia do PSdeG, un anaco de éxitos e de fracasos, de luces e sombras, e espero que aprendamos a lección para no futuro non volver a cometer os mesmos erros. O importante é o Partido, e os millerios de persoas que forman parte da nosa organización, e os mellares activos están na casa"

No blog As túas balas lemos o artigo titulado Quintana dimisión:
"Eu fun Quintana durante uns días. Crin realmente no seu proxecto, e creo moito nel como político. Nunca ningún galego me entusiasmara tanto e, a pesar do BNG, estaría disposto a estar na primeira liña de algo que se denominase quintanismo. Porén, Galicia vai por outro lado. A derrota é inapelable, e Quintana ou, no seu defecto el e mais todos os responsables desta derrota, deberían dimitir (...) se replicamos consignas xeradas por nós mesmos e non escoitamos o que di a xente, o BNG ten moitas probabilidades de ir ao suicidio"

Escribe Bouzafría no seu Balance:
"Como sucede coas parellas, que cando rompen a todo o mundo lle parece que fora unha relación imposible e sen futuro, agora lembramos que cada socio ía ao seu, nunha Xunta bicéfala e descoordenada que até disputou en público se era Galiza ou Galicia o que se gobernaba. Con visións tan diferentes non é de estrañar que só houbese xestión e administración, pero pouca política e moito continuísmo, como se en realidade nos gobernasen interinos e o desastre anterior non existise".

No post Hai catro anos, Adriana Viz escribe:
"Onte penso que pouca xente de esquerdas se esperaba o que pasou, que cunha participación histórica o PP conseguira recuperar a Xunta de Galicia. Eu aínda estou dixerindo a derrota. Probablemente moitos cambios progresistas impulsados polo bipartito volvan atrás, a tempos de Fraga, como por exemplo o decreto do galego. Pero é que a maioría dos votantes galegos/as así o quixeron. Triste, pero máis orgullosa que nunca de pertencer ao PSdeG- PSOE. Con moito traballo e esforzo sairemos adiante"

Galiza apartheid é o título da reflexión en Koroshiyaitchy:
"A sociedade galega vem de entregar um cheque em branco ao Partido Popular. Um Partido Popular que não é qualquer Partido Popular. (...) Um Partido Popular que deixou atrás o pseudo-galeguismo fraguiano para reassumir sem complexos os princípios do Movimiento. Um Partido Popular envolvido em escândalos de corrupção que fariam envergonhar os mesmíssimos capos da camorra napolitana. Um Partido Popular que, empoleirado no nacional-catolicismo e predicando um novo apartheid linguístico, vem de obter uma outra maioria absoluta na Galiza".

O apunte no caderno dixital de Rubén Ruibal titúlase Humorismo aficionao: a memoria dos peixes:
"o que está ben claro é que no asunto este dunha elección de presidente do país a propaganda funciona. ¿Unha elección de presidente, dixen? ¡Ah, vaia, pois estaba equivocado! O outro día eleximos (eu non, eu sempre quedo fóra) ós 75 señores que van lexislar durante os vindeiros catro anos, que van desenvolver a política do país (...) Porque algúns, aínda que non nos gustaba moito do que viamos, estabamos calados lembrando que o que houbo antes era moitísimo peor e aínda así tiña todo ó seu favor para volver: a crise, os medios de "comunicación", a mala memoria, dous malos gobernos, a ignorancia, a historia..."

En Sempre en Galiza achégase no artigo XXXVII:
"O BNG recurriu en campaña electoral á xente, cando non acudiu no resto do mandato, o BNG non estaba o lado da xente. Ese BNG moderno no que hai votación por responsables e non por persoas non funcionou. Admitámolo, aquí non se votou unha xestión dun goberno, senón ao BNG como Partido".


3.43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: