Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
NEOLUDDISMO

A crise económica fai medrar o sentimento anti-tecnolóxico

Segundo os expertos, a cada vez meirande influencia da informática, da internet e da intelixencia artificial nas nosas vidas provocará un movemento de rexeitamento.

Redacción - 17:30 04/03/2009
Ludditas do século XIX destruíndo máquinas

Ludditas do século XIX destruíndo máquinas

O movemento luddita, que xurdiu a comezos do século XIX como unha reacción contra a substitución da man de obra humana por máquinas e que se caracterizou pola destrución de maquinaria, xa ten o seu equivalente no século XXI. O chamado neoluddismo vai a máis co agravamento da crise económica.

Esta ideoloxía considera que a tecnoloxía escraviza as persoas e deteriora as condicións laborais e sociais. O neoluddismo rebélase contra a informática, a internet e a intelixencia artificial, e ve na actual revolución dixital máis inconvenientes ca vantaxes. Segundo informa Consumer, un dos seus máximos exponentes é o activista Andres Keen, gran crítico da internet e das redes sociais, ademais da cultura libre xerada ao abeiro das tecnoloxías da información. Pensa que a revolución dixital acabará por destruír a economía.

A medida que os mecanismos de intelixencia artificial se vaian implantando na nosa vida diaria, o movemento neoluddita, aínda disperso, farase máis evidente. Segundo o escritor e científico Ray Kurzwei, a evolución do ser humano pasa polos usos tecnolóxicos. Fronte a ela sitúase o movemento neoluddita, cos ideais de retornar ás antigas relacións humanas e a non adaptación á tecnoloxía como principio de supervivencia.

Avances como a manipulación xenética, a informática ubicua ou a depdendencia da tecnoloxía para a subsistencia da humanidade son rexeitados por considerar que desestabilizan a sociedade e someten os seres humanos e a natureza ao sufrimento. Esta reflexión xa estaba presente en obras como Admirábel mundo novo, de Aldous Huxley; 1984, de George Orwell, e Fahrenheit 451, de Ray Bradbury, ou no filme Alphaville, de Jean-Luc Godard.

Aínda que o desenvolvemento implica un debate sobre até que punto a tecnoloxía pode favorecer ou prexudicar a especie humana, o movemento neoluddita, en lugar de debater, nega radicalmente calquera posibilidade beneficiosa do desenvolvemento tecnolóxico. De feito, hai expertos que inclúen a Theodore Kaczynski (Unabomber) con estas teses. Profesor na universidade de California, abandonou a docencia e retirouse a vivir nunha cabana, onde elaborou explosivos cos que matou tres persoas e feriu outras 23 até a súa detención en 1996.

Kaczynski, condenado a cadea perpetua, considera preocupante o tratamento da información por parte dos computadores, e considera que o sistema social xerado pola tecnoloxía leva consigo a perda da liberdade dos seres humanos.


4.33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: