Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Día Internacional da Muller Traballadora

"Non solucionaremos a crise á costa dos nosos dereitos"

A Marcha Mundial das Mulleres convoca unha manifestación baixo o lema As mulleres contamos, as mulleres traballamos. Organizacións, sindicatos e asociacións lembran o 8 de marzo.

Redacción - 10:00 08/03/2009
Cadriño feito por Sabela Arias para a Marcha Mundial das Mulleres

Cadriño feito por Sabela Arias para a Marcha Mundial das Mulleres

Este domingo é 8 de marzo, o Día Internacional da Muller Traballadora, e coma sempre -agás o ano pasado, que houbo xornada de reflexión para as eleccións españolas-, haberá mobilizacións por todo o país. Desta volta a Marcha Mundial das Mulleres volve convocar a cidadanía galega para saír á rúa baixo o lema "As mulleres contamos, as mulleres traballamos" (o manifesto, en .pdf), cando, se cadra, é máis preciso volver reivindicar os dereitos das mulleres, antes que sexan pisadas por unha crise da que, coma todos os traballadores, non son responsábeis.

A Marcha desenvolverá manifestacións e concentracións nas sete cidades galegas. Na Coruña haberá unha concentración o mesmo domingo ás 12:30 horas no Obelisco; en Compostela haberá manifestación, con saída ao mediodía da Praza do Toural; en Ferrol a manifestación sairá as 12:30 horas da Praza Amada García; en Ourense haberá ás 19:00 horas un acto na Praza Concepción Arenal, cun posterior percorrido polo Paseo; en Pontevedra está organizada unha concentración, ás 20:00 horas na Praza 8 de Marzo; en en Vigo unha manifestación percorrerá a cidade, saíndo ao mediodía da Praza 8 de Marzo.

As organizacións, sindicatos e asociacións lembran o 8 de marzo
Este día tamén lles serve aos políticos para facer declaracións e asegurar que, nas súas respectivas accións de goberno, hanse lembrar das mulleres. Porén, as asociacións tamén teñen este día sinalado no calendario.

Polo de agora xa se desenvolveron algunhas accións, como a protagonizada por delegados e delegadas da CIG ante a Xunta a pasada sexta feira.

O BNG tamén saíu á palestra para reivindicar un Estatuto de Nación no que se inclúan os dereitos de plena cidadanía", como a potestade para decidir sobre a sexualidade ou a reprodución, así como "competencias exclusivas en igualdade". A secretaria de Acción Feminista deste partido, Rosario Fernández Velho, fixo público un manifesto no que a formación frontista defende este domingo, facendo fincapé á necesidade de que Galiza conte coas ferramentas para facerlle fronte ás "desigualdades" que sofren as mulleres. Polo seu lado, Esquerda Unida (EU) reclamou o dereito a abortar libremente, de bañde e "sen ningún tipo de tutelaxe patriarcal", así como a súa despenalización, e terminar coa persecución judicial contra as mulleres e profesionais sanitarios como unha reivindicación fundamental.

A Consellaría de Traballo tamén conmemorará este día, cunha exposición sobre a evolución das galegas no terreo laboral, que está aberta ao público na Coruña. A mostra, que leva por nome (m)2, conta a vida de 16 mulleres galegas reais dende o seu rol de nai, filla e traballadora. As instantáneas, do fotógrafo coruñés Xosé Abad, amosan a evolución e os cambios experimentados polas galegas nestes últimos anos. O traballo complétase cunha peza audiovisual, realizada por Sandra Rey, na que as mulleres que conforman esta exposición poñen voz á fotografía.


Ligazóns

4.8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: