Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
VISITOU O CONSELLO DA CULTURA

Feijoo: na rúa quérese unha "amabilidade lingüística"

Anunciou que lle encargará á institución consultiva un informe sobre a programación cultural do Xacobeo, mais non polo de agora sobre o futuro do Gaiás. Vídeo no interior.

M.S.P. - 17:00 11/03/2009

O próximo presidente da Xunta continúa coas xuntanzas que dende hai varios días mantén con distintos sectores e institucións da sociedade galega. Este mércores tocáballe á cultura, a través do Consello da Cultura Galega (CCG), órgano consultivo do goberno nesta materia dende 1983. Feijoo, que acudiu só á cita, reuniuse durante máis dunha hora con Ramón Villares, presidente do CCG e cos outros membros da Comisión Executiva da institución.

O encontro tivo como tema principal a celebración do Xacobeo 2010, e o vindeiro presidente da Xunta encargoulle ao CCG un informe sobre as actividades culturais que acompañarán á celebración. Será o último Xacobeo até o 2021 e o PP quere convertelo nun dos eixos da súa xestión no primeiro ano da lexislatura: "Temos que aproveitalo para promocionar a nosa cultura e tamén para incrementar a actividade económica nun momento de enorme preocupación económica", dixo Feijoo, que destacou que as actividades que se organicen ao abeiro da celebración teñen que ser "actos que traian xente, actos culturais da Galiza aberta, da Galiza do século XXI". O Xacobeo convértese, polo que parece, na primeira prioridade da nova política cultural da Xunta.

O discurso de Núñez Feijoo á saída da reunión foi moi contido e o líder popular evitou anticipar decisións concretas, fóra do informe encargado sobre o Xacobeo. Feijoo manifestou, iso si, o seu desexo de que o CCG siga traballando "en preservar os sinais culturais, dende o punto de vista do patrimonio, dende o punto de vista lingüístico, dende o punto de vista dos nosos sinais culturais, pois -dixo- a cultura galega segue sendo o que nos dá o autogoberno constitucional e é o feito fundamental da autonomía política". Feijoo evitou en todo momento referirse á 'identidade galega' e optou polo termo 'sinais culturais'.

"Amabilidade lingüística"
Preguntado sobre se na xuntanza coa Comisión Executiva do CCG se tratara a política lingüística do futuro goberno, Núñez Feijoo respondeu que "por suposto", para engadir que na reunión "falamos de galego, falamos do español e falamos de inglés, porque é o reto do ensino en Galiza". Repreguntado Feijoo sobre o xeito en que prevé artellar a súa proposta de separar no ensino público aos rapaces pola lingua na que prefiran ser educados, o próximo presidente da Xunta foi moi pouco claro, limitándose a declarar que na lingua "temos que elevar á categoría de normalidade política a normalidade da rúa. E na rúa hai moitísima menos disquisición técnica sobre este tema". Feijoo retomaba deste xeito a famosa frase que Adolfo Suárez pronunciou perante as Cortes franquistas en 1976 para defender o seu proxecto de Reforma Política: "elevar á categoría de normal o que a nivel de rúa é simplemente normal".

Feijoo recuncou nesta ambigüidade consciente ao defender que o que a rúa quere é "amabilidade lingüística", un concepto no que utilizou como exemplos a Ramón Piñeiro, García Sabell e Álvaro Cunqueiro, para declarar finalmente que "o galego forma parte da nosa forma de ser, por iso o galego non pode ter rexeitamento por parte de ninguén, sería absurdo".

Silencio sobre a Cidade da Cultura
No seu programa electoral o PP prometía realizar mudanzas importantes no proxecto da Cidade da Cultura, regresando ao proxecto que aprobou no seu momento o departamento dirixido por Pérez Varela. Así, por exemplo, prevía construír o tan criticado Teatro da Ópera, e propoñía que o Estado Español se implicase no financiamento do complexo, até un trinta por cento do gasto total, desaparecendo a duplicidade de fundacións (unha pública e outra mixta), existentes na actualidade. Porén, este mércores Feijoo non tratou este asunto cos responsábeis do Consello da Cultura: "Esta cuestión haberá que valorala unha vez que tomemos posesión e coñezamos a situación da Cidade da Cultura e o custe económico que ten neste momento, que nós descoñecemos". Tampouco quixo anticipar nada sobre se a Consellaría de Cultura se manterá como departamento independente, ou se se unirá a Comunicación e a Turismo, como afirmaron algúns dirixentes do PP na campaña electoral.


1,43/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



"Na lingua temos que elevar á categoría de normalidade política a normalidade da rúa"

"A cultura galega segue sendo o feito fundamental da autonomía política"

Núñez Feijoo reunido coa Comisión Executiva do CCG
Núñez Feijoo reunido coa Comisión Executiva do CCG