Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Fronte ás ameazas de derrogación

A Mesa dubida que o PP sexa quen de conseguir un consenso para a lingua maior ca o actual

O colectivo recorda o amplo apoio na comunidade educativa do decreto do galego e desafía os populares a obteren un acordo similar.

Redacción - 10:30 20/03/2009
Carlos Callón, presidente d'A Mesa

Carlos Callón, presidente d'A Mesa

O Consello Escolar de Galiza, as principais organizacións estudantís, a federación pública de asociacións de nais e pais, a federación de centros católicos, os sindicatos que representan o 90% do profesorado, os movementos de renovación pedagóxica... Desde a Mesa pola Normalización Lingüística sinalan o elevado consenso co que naceu no seu momento o decreto en vigor sobre o galego no ensino.

Por este motivo, a Mesa reta o PP a "conseguiren unha norma que teña un maior respaldo que a actual por pare da comunidade educativa". "O PP está a realizar o anuncio de derrogar o decreto sen contar con pais, nais, profesorado e estudantes, que secundaron a lexislación actual e que non apoian medidas segregacionistas nin que deixen inerme a lingua propia de Galiza", expoñen desde a asociación. Insisten desde a Mesa en que anunciar que a primeira medida na Xunta será derrogar o decreto que regula que cando menos o 50% do ensino debe ser en galego é teimar nunha "confrontación indesexábel". "Con certeza, atacar o galego e desdeñar a opinión da comunidade educativa non sería gobernar para todos", expoñen.

Definen de "carroñeiras" as propostas contra o idioma do país
Doutra banda, a Mesa cualificou este xoves de "violentas e carroñeiras" as insinuacións realizadas polo colectivo que o pasado mes de febreiro convocou en Santiago unha manifestación contra o galego. Ao respecto das declaracións de voceiros daquel colectivo nas que afirmaron que 'A Mesa poderase manifestar o 17 de maio sen recibir botellazos', reprochan que pretendan dar a entender que desde a Mesa se ampare ou promova a violencia. "É unha vileza que retrata a quen o di", acusan, "válelles calquera mentira e calquera insulto, mesmo o máis noxento, con tal de propagaren as súas ideas fóbicas".

"A Mesa, como é sabido, sempre rexeitou e rexeitará calquera acto de violencia, igual que rexeita as ideas de racismo lingüístico, que crean confrontación social e danan a convivencia", subliñan nun comunicado asinado polo presidente do colectivo, Carlos Callón, recordando que a convocatoria do pasado febreiro contra a lingua recibiu o apoio activo de entidades da extrema dereita, como a Falange, "ou doutras entidades, como a AVT, que igualaron a defensa do galego coa coacción ou a exaltación a ETA, un insulto gravísimo que non foi emendado". "Quen honestamente diga defender o bilingüismo, debería apoiar o idioma que está discriminado e non saír á palestra para que se machaque aínda máis", afirman. A Mesa manifesta así a súa "defensa da igualdade xurídica e social do castelán, a lingua oficial do Estado, co galego, a lingua natural de Galiza".


4.73/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: