Cando estás en certos países de África sabes que de cada tres persoas coas que te cruzas na rúa, unha é seropositiva. Sabes que a SIDA mata máis mulleres ca homes e sobre todo mata a moitos nenos e nenas que nada teñen que ver coa “promiscuidade” de ninguén. Coñeces a familias achicadas por varias mortes prematuras e a esa gran familia extensa termando da situación: tías coidando sobriños, miles de nenos e vellos tutelados por unha marabillosa rede de tenrura colectiva.
E podes, se queres, claro, entrar en contacto con calquera dos centos de grupos multicolores de xente que se pon a camiseta de voluntario e asisten a cursos para aprender sobre o virus e fan teatro por aldeas infames e reúnen a miles de persoas ao cabo do ano, ensinando, sensibilizando sobre a necesidade de ser prudentes, de ter cabeciña e, por suposto, tamén, cando cómpre, de poñer unha camisiña de látex arredor de ti xa sabes onde.
E se es quen de unirte a esa corrente humana de sensibilidade e solidariedade contra o mal –que se chama VIH, ese é o inimigo- vivirás desde dentro a loita titánica desa xente negra, alegre, popular e xenerosa -ignorante aos ollos europeos-, e as súas enormes dificultades por convencer aos seus conveciños menos sensibles que o becho ese non é un problema individual, que é comunitario, que todos estamos afectados pola súa irresponsabilidade cando chega a casa e o fai sen condón coa súa muller, cando leva unha semana facéndoo sen condón con varias máis, onde cadrara.
Sabes tamén da dificultade de “vender” o uso do condón nun contexto cultural no que hai crenzas absurdas, pero certas e, ademais, criminais nas súas consecuencias. Como a da prescrición de moitos curandeiros tradicionais aos varóns infectados: que copulen con varias mozas virxes, para sandar o seu meigallo. E postos aí, nese outro mundo, e só desde aí, podemos calcular o inmenso dano que o Papa Ratzinguer, o compasivo con integristas lefrevianos, os mesmos que negan o holocausto xudeu, acaba de facer a todo un continente poñendo en dúbida a conveniencia e a utilidade de usar preservativo para conter e vencer ese outro holocausto silencioso que está matando a África.