Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AZUCENA RODRÍGUEZ, presidenta do CXG

"No Consello da Xuventude faise política de mocidade e non de partido"

Falamos coa que durante os vindeiros dous anos vai ser a máxima responsábel do Conxuga. Vídeo no interior.

Redacción - 10:00 04/04/2009

A nova presidenta do Consello da Xuventude de Galicia (Conxuga), Azucena Rodríguez Amoroso, naceu en Lugo hai xa 26 anos. Licenciada en Psicopedagoxía, compaxina o doutorado coa dirección da organización estudantil Iesga e a súa militancia en Xuventudes Socialistas. O Conxuga non lle é alleo, de feito substitúe no cargo a súa irmá Dolores. A súa elección produciuse a semana pasada no medio dunha treboada. Novas Xeracións e Galiza Nova consideran que se debe anular a asemblea pola existencia de supostas irregularidades. Para Azucena, o acontecido foi ben distinto: “Se unha organización cre que hai irregularidades e que hai delito, que o denuncien. O que non pode ser é que queiran desfacer unha asemblea legalmente constituída”.

A nova presidenta do Conxuga fala a modo e en voz baixa. Cre que o consello precisa un cambio para ser máis útil: “Eu creo que nos últimos anos se traballou moito e ben pero é certo que o tempo pasa e a Lei do Consello queda un pouco obsoleta”. Por iso considera que é prioritaria a modificación da lei e a creación de consellos locais e comarcais, onde a mocidade poida ter un foro de debate.

Azucena Rodríguez sabe que o Conxuga foi historicamente unha canteira política. O mellor exemplo é o do vicesecretario xeral do PSOE, Xosé Blanco, que foi, en 1987, o primeiro presidente do órgano. Porén, a nova presidenta (falta ver o seu nome no DOG) quere coutar axiña a afirmación: “ No Consello faise política pero política de mocidade e non de partido. O que veña facer política de partido debería pensar que este non é o espazo”. Despois de afirmar isto, saca de retranca e di “ a asemblea do sábado é un exemplo de que o Conxuga serve para bregarse”.

Cando se lle pregunta por esa mocidade que non é, no caso de ter a sorte de ter un traballo, nin mileurista, Azucena non escapa da pregunta: “A mocidade é un dos colectivos máis castigados. Só temos que ver en que situación está xente con titulacións superiores que está a traballar en hipermercados”. Mais axiña enumera unha restra de problemas que afectan á xuventude: vivenda, educación, igualdade entre mozos e mozas, conciencia medioambiental...

Rodríguez intenta ser salomónica co bipartito, recoñécelle pasos adiante na súa relación coa mocidade pero axiña matiza: “Eu creo que se puido ter máis en conta”. Cando se lle pregunta se o PPdeG non lle gañou a partida á esquerda entre os mozos, dubida: “Eu non estou segura de que iso sexa así. O problema é que a xente nova vota moi pouco”. Logo fai votos por ter unha relación normal co que será o novo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Non lles queda outra.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: