Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DEMANDA DE OCEANA

Tarefa pendente: unha área marítima protexida para os cetáceos

A organización pide maior protección para a Ría de Muros e as Illas Sisargas, onde se conservan as últimas poboacións de arroaces e toniñas.

Redacción - 19:00 07/04/2009

A costa galega alberga algunhas das últimas poboacións sans de delfíns mulares ou arroaces e de marsopas ou toniñas, unhas especies que están xa desaparecendo tanto no Cantábrico como no Mediterráneo. En concreto, as zonas da Ría de Muros e das Illas Sisargas son os hábitats onde se conserva un salientábel censo destes exemplares. Así o ven de revelar a organización de conservación mariña Oceana, quen pide á Administración tanto autonómica como estatal a creación dunha área mariña protexida para promover a conservación dos cetáceos que subsisten nestas zonas. A súa proposta é a de crear unha área de protección na Ría de Muros e a inclusión das Illas Sisargas no Parque Nacional das Illas Atlánticas.

No seu informe "Cetáceos da área galaico-cantábrica. Zonas importantes para a súa conservación", financiado pola Obra Social Caja Madrid, informan da detección da presenza de até 27 especies de cetáceos nas nosas costas, se ben só cinco son estábeis e só dous pertencen ao catálogo de especies prioritarias para a Unión Europea (os devanditos delfín mular e a marsopa).

Déficit de áreas protexidas
O Estado Español só dispón na actualidade dun 0,5% de zonas mariñas protexidas fronte ao 10% recomendado polo Convenio de Biodiversidade das Nacións Unidas (ONU). Os expertos de Oceana recordan que, ademais de defender estas especies, este tipo de protección contribúe a manter outras poboacións de interese comercial, como por exemplo a pescada, que xa se atopan de por si fortemente explotadas.

A marsopa común ou toniña (Phocoena Phocoena) desapareceu xa en áreas como o Mediterráneo, mentres que corren serio risco de extinción noutros océanos como o Báltico. Pola súa banda, o arroaz (Tursiops truncatus) só se conserva en poboacións moi pequenas e fragmentadas de Europa. Aínda está presente no litoral galego e portugués, mais está exposto a importantes perigos, ben por capturas accidentais polas embarcacións de pesca, ben pola contaminación mariña.


Ligazóns

3.8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: