Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En Rede Natura

Valdoviño frea a urbanización de Punta Frouxeira

O pleno municipal acordou suspender a licenza onde, a pé de praia, xa se iniciaba a construción das primeiras vivendas unifamiliares.

Redacción - 09:00 09/04/2009

En marzo de 2005 o Concello de Valdoviño aprobou definitivamente o proxecto de urbanización dun área en plena zona natural protexida e no propio ámbito de protección do Castro d'A Frouxeira. As edificacións comezaron no verán de 2006, momento no que a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), presentou no Concello denuncia por "ilegalidade", achegándoa posteriormente tamén á Dirección Xeral de Urbanismo, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza e o Seprona.

Malia a oposición da anterior corporación, os ecoloxistas conseguiron xa daquela un primeiro freo para as obras. Láianse os ambientalistas de que o promotor teimou en seguir facendo traballos, de xeito que, a día de hoxe, xa se fixo explanación das rúas e instalouse rede de alcantarillado. Finalmente, este mércores, o pleno municipal decidiu por maioría, con só dous votos en contra e tres abstencións, a suspensión da devandita licenza. Do mesmo xeito, iníciase o proceso de modificación puntual das Normas Subsidiarias de Valdoviño "para adaptalas á normativa vixente en materia de protección ambiental e de protección do patrimonio, e tamén en materia de protección de costas e de protección urbanística".

Láianse os ecoloxistas de que tivesen que transcorrer tres anos e medio, coas conseguintes desfeitas realizadas neste tempo no lugar, pero felicitan esta decisión final do Concello de Valdoviño, expresando a confianza en que "o camiño que se empeza con este acordo municipal teña continuidade coa restauración e recuperación da parcela ao seu estado anterior". Esperan tamén que a recuperación sexa completada con outro tipo de accións "de posta en valor do propio castro".


4.71/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: