Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Terceira Xuntanza de Coros Galegos de Catalunya

O 17 de abril celebrarase en Mollet del Vallès a Terceira Xuntanza de Coros Galegos de Catalunya, na que participarán as agrupacións que actualmente existen no país catalán. Esta semella será a consolidación dun traballo de achegamento de diversas labores de música coral que veñen practicando estas entidades.

Segundo nos explica o director do Coro Universitario Galego de Barcelona (CUGB) e do cuarteto de música sacra Ad Líbitum", César del Caño, a Xuntanza de Coros Galegos de Catalunya chega neste ano 99 á súa terceira edición coa participación da práctica totalidade dos coros que se reúnen baixo unha vontade de harmonía garantida pola amizade que a estas alturas xá existe entre todos os cantantes.

- 08:50 25/03/1999
Tags:



A historia deste xeito de "federación" de coros galegos de Cataluña nace oficialmente o 5 de abril de 1997 en LLeida, por iniciativa do "Coro Universitario Galego de Barcelona". Alí reúnense cos representantes do grupo "Cengallei", do Centro Galego de LLeida, "Saudade", da Agrupación Cultural Saudade de Barcelona, "A Nosa Galiza", da Irmandade que lle dá o nome, de Mollet del Vallès, "Lonxe da Terra" do Centro Galego de Barcelona e "Voces Ceibes" do Centro Galego de Tarragona.

Son xá entón dúas as xuntanzas realizadas e nelas teñen participado persoeiros da música e da cultura, que avalian co seu apoio a seriedade do proxecto. Entre eles, os organizadores destacan a xentes como Josep Mª Mas (presidente da Federación Catalana d'Entitats Corals), Xosé Aviñoa (profesor de Estética Musical da Univesitat de Barcelona), Manuel Cabero (profesor de Dirección Coral, fundador do coro Madrigal e mestre de capela da Capella de Música de Sta. Mª del Pi de Barcelona) e Camilo Valdehorras (coordenador dos Cursos de Galego da Area de Filoloxía Galega da U.B.)

Na II Xuntanza (xuño do 98 no Centro Galego de Barcelona) apresentouse o "Coro da Irmandade de Catalunya" integrado por unha selección de coristas de todos os coros participantes máis outras persoas independentes. O 8 de maio deste meso ano debutou no Paraninfo da U.B. coa obra "Negra Sombra" de Rosalía e con música de Xoán Montes, e no papel de solista participou o famoso barítono Francisco Kraus.

O Coro da Irmandade ten como obxectivo converterse nun coro de elite que acometa obras cunha certa dificultade técnica e que precise dun elevado número de coristas. Non ten carácter estábel, dado que minguaría a consolidación das distintas entidades integrantes, pero reúnese periodicamente para executar obras concretas en ocasións que o requiran e tenta server de crisol para o coñecemento e intercambio do mundo coral galego en Cataluña.

Tendo en conta a celebración do centenario da morte do compositor lucense Xoán Montes, autor entre outras de "Negra Sombra", "Lonxe da Terriña" e "As lixeiras anduriñas", a organización da Xuntanza decidiu dedicar esta reunión á memoria deste ilustre músico. Así, todos os coros participantes incluirán no seu repertorio unha composición súa ademáis de facer repetidas referencias durante a velada á vida e obra do autor. Outra novidade é a participación dun coro catalán que inaugura un costume que se perpetuará no futuro co convite doutros grupos corais, tanto da Galiza como de Cataluña.

O encontro terá lugar no Teatro Can Gomà de Mollet del Vallès o 17 de abril ás 19,30h. Aqueles que teñan interés por este fermoso acto poden informárense no teléfono 934 42 87 58 (marcar o 34 se se chama de fóra do estado español). Ademáis nesta mesma páxina pódese ler un artigo enviado por César del Caño no que explica o labor e os obxectivos do Movimento Coral Galego en Cataluña.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: