Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Discurso de investidura

Feijoo critica as Galescolas e di que as urnas pediron "bilingüismo cordial"

"O reto da normalización lingüística é hoxe quizais máis difícil de resolver que nos primeiros tempos da autonomía", opinou na súa intervención o próximo presidente da Xunta.

Redacción - 17:40 14/04/2009

Até en tres ocasións apareceu este martes no Parlamento a cuestión lingüística durante a intervención de Alberto Núñez Feijoo. A primeira foi durante o diagnóstico realizado baixo o epígrafe "A Galiza que recibimos" e no que Feijoo se referiu á lingua galega como "instrumento para a nosa comunicación e para a expresión do noso talento".

"Durante moitos anos, as cuestións lingüísticas non suscitaron ningún problema para os galegos e as galegas", expuxo o líder do PPdeG, para quen "a convivencia pacífica e tranquila entre galego e castelán" foi "exemplo do noso carácter integrador". "Lamentablemente hoxe existe na sociedade unha forte preocupación que nos ten que facer reflexionar, porque os galegos non podemos permitirnos que unha das nosas principais referencias identitarias se acabe convertendo nun instrumento para a división social", avaliou a continuación.

De seguido, acusou Núñez Feijoo o Goberno saínte de abrirlle a porta "á imposición do galego no ensino", citando o decreto aprobado, e de "converter as escolas infantís en Galescolas". Na opinión do candidato a presidir a Xunta, a sociedade "respondeu con moita claridade nas urnas, reiterando a súa aposta pola convivencia pacífica e o bilingüismo cordial". Nesa liña, afirmou que o seu executivo vai trasladar "ás aulas" a "cordialidade lingüística".

Na procura de alumnos "trilingües"
O asunto lingüístico apareceu por segunda vez no discurso de Alberto Núñez Feijoo ao debuxar as prioridades do Pacto Social pola Educación que se comprometeu a impulsar. No marco dese acordo situou a reestruturación do ensino das linguas, apuntando a necesidade de que o currículo formativo en Galiza garanta que os cativos "acaben sendo trilingües".

Feijoo recuperou a idea cara ao final da súa intervención, confirmando a súa intención de derrogar o decreto do galego no ensino e revelando que ese "trilingüismo" será o obxectivo da reformulación dun decreto que se baseará "no respecto aos dereitos individuais das familias e os alumnos". Así e todo, non achegou máis detalle sobre o xeito en que se plasmará esa "liberdade de elección" á que aludiu xa noutras intervencións públicas, malia que prometeu a consulta a "expertos e institucións".

"Amabilidade lingüística"
"Equivócanse os que pretenden facer do galego un instrumento de imposición, e erran tamén os que consideran a lingua propia como algo subalterno, marxinal", engadiu Núñez Feijoo. Así, e sen referencia no seu discurso ao Plan de Normalización Lingüística, remitiuse á "cooficialidade estabelecida no Estatuto" como "exemplo de unidade democrática no esencial" e garantía da "expresión en galego e en castelán".

A ese "marco legal" cinguiuse, comentando ao paso aínda que sen máis detalle que o seu executivo promoverá "proxectos e plans" destinados á "defensa e pervivencia da lingua galega". "O noso modelo normalizador debe atender á realidade, lonxe de copias e mimetismos alleos, por moi ben intencionados que sexan e veñan de onde veñan", subliñou.


1,67/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: