Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A protección do patrimonio da Mariña II

O seguimento cronolóxico, do acontecido no Castro da Atalaia

Hai máis de 30 anos que se sabe da existencia do xacemento, porén, ningunha Administración traballou por preservalo e poñelo en valor.

A. Rodríguez - 09:00 15/04/2009

No ano 1974 envorca un camión na coñecida como Horta de Dorita, na zona da Atalaia, na vila mariñá de San Cibrao. Nas labores de desentullo do camión, descubriuse un edificio soterrado na area. Debido á importancia do achado, naquela altura a denominada Dirección Xeral de Belas Artes, paralizou as obras e realizou unhas escavacións arqueolóxicas, crese que baixo a dirección de Manuel Chamoso Lamas. Aquelas escavacións foron visitadas polo Presidente da Deputación Provincial de Lugo o día 20 de xullo, e o xornal El Progreso recollía a noticia. Aparecera unha edificación cun forno, e podería tratarse -non se sabe con certeza- dunha sauna castrexa, un fenómeno único na prehistoria europea, do que aínda non se coñecen ben os usos. O achado, que falaba da existencia dunha grande metrópole na contorna, foi identificado, e volveuse soterrar.

No ano 2005, un informe elaborado pola empresa Moenia Arqueoloxía, que fixo parte da documentación do PXOM encargado polo propio Consello de Cervo, fala dun asentamento galaico-romano, e insta a preservar a zona. A agrupación municipal, naquela altura presidida polo PPdeG, sendo alcalde Xosé Manuel Insua, toma coñecemento da existencia do xacemento. Un avance deste informe entrégaselle á Xunta en outubro de 2004, e uns meses despois uns arqueólogos da Delegación Provincial de Cultura realizan unha visita a San Cibrao. Segundo o seu informe, constatan, "fundamentalmente", a "existencia de muíños circulares de tipoloxía castrexa ou romana, en diversas fachadas dedicadas a horta situadas na área das rúas do Chope, travesa da rúa Chope e rúa dos Mixillóns, ao suroeste da Atalaia".

En agosto de 2006, como consecuencia da construción dos alicerces dun observatorio de aves, promovido polo Concello, aparece un cuncheiro moi antigo. Tras coñecer o achado, a agrupación municipal ten que facer unha intervención arqueolóxica, da que resulta documentado un importante cuncheiro da época galaico-romana. Algunhas das cunchas son de animais xa extintos nas nosas costas.

Os días 28 de novembro e 1 de decembro de 2006; e o 18 de abril de 2007, coñecendo xa o xacemento que existe na Atalaia, o goberno municipal de Cervo concede tres licenzas de construción para tres predios, cun total dun cento de vivendas, á empresa Promociones San Ciprián SL. En relación ás tres licenzas, o alcalde de Cervo, Alfonso Villares di que o Concello non puido negar a autorización, solicitada a mediados de 2006, ao non existir ningún tipo de protección no planeamento.

En abril de 2007 comezan as obras. A mediados de mes, o alcalde de Cervo, Afonso Villares (PPdeG), recibe un informe arqueolóxico enviado dende Cultura no que se lle fai constar que o asentamento está "gravemente alterado".

O 1 de xuño de 2007 chega unha orde de paralización das obras ao Concello de Cervo, enviada pola Delegación Provincial da Consellaría de Cultura. Porén, até o día 8, a orde non chega aos operarios e ao construtor. Pasou unha semana dende que chegou á casa consistorial, e tráea a policía local, xusto o mesmo día no que os veciños se puxeron diante dos camións, para non permitir que sigan sacando cascallos e pedras da zona. Semanas despois o construtor é obrigado a contratar unha empresa dedicada a facer prospeccións arqueolóxicas.

A finais do mes de xuño dese ano, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) e a Asociación Mariña Patrimonio (Mariña Patrimonio) anuncian que van presentar un recurso, ante a Dirección Xeral de Urbanismo, contra as tres licenzas que o Concello de Cervo lle concedeu á promotora para edificar sobre o castro da Atalaia.

En novembro de 2007, o Concello de Cervo recibe un requerimento para a inclusión do Castro da Atalaia no inventario de xacementos arqueolóxicos da Xunta. As obras continúan, intermitentemente, na primeira parcela, que vai ocupar un dos tres edificios, namentres as outras dúas son obxecto das catas arqueolóxicas. Por outra banda, debido ao atraso na paralización das obras (incumprindo o Concello de Cervo requirimento de Cultura), e tras determinar os danos irreparábeis causados, Patrimonio decidiu trasladar os feitos ao Fiscal Xefe da Audiencia Provincial de Lugo, que abriu dilixencias no xulgado de Viveiro contra o Concello, considerado principal responsábel dos estragos feitos no xacemento.

En agosto de 2008 os veciños informan do achado duns posíbeis petróglifos na zona do Faro, a carón do xacemento e da construción.

En 2008 continúan, intermitentemente, as obras, detrás dos altos paneis metálicos. O primeiro edificio da promoción 'Faro de San Ciprián' comeza a erguerse do chan. Os primeiros alicerces sobresaen a carón das murallas do castro (vexa a Galería). Durante todo o ano e no primeiro trimestre de 2009, os veciños de San Cibrao e a Asociación Mariña Patrimonio denuncian afectacións nas outras dúas parcelas que deberían permanecer intactas.

Febreiro de 2009. Os veciños recollen 527 sinaturas que presentan, ante a Dirección Xeral de Urbanismo, poñendo en causa as licenzas concedidas polo concello de Cervo para a construción dos tres edificios sobre o xacemento arqueolóxico, e demandando que se abra unha investigación sobre a súa suposta ilegalidade.

En abril de 2009 a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística solicítalle información ao Concello de Cervo sobre as obras que se realizan no Castro da Atalaia. A comezos do mesmo mes, Vieiros desprázase á zona para tirar unhas imaxes do xacemento (ver Galería) e falar cos veciños sobre a súa situación actual e o seu posíbel futuro (ver vídeo).

Dende o comezo desta historia, a páxina web da promotora anuncia a Promoción 'Faro de San Ciprián' como "unha situación única", xa que é "único conxunto residencial en España que ofrece a posibilidade de residir nas inmediacións dun faro" e "en primeira liña de costa".


4.67/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A comezos do verán de 1974 aparece un edificio co que semella un forno na Atalaia, que despois é soterrado. Así o recolle 'El Progreso'
A comezos do verán de 1974 aparece un edificio co que semella un forno na Atalaia, que despois é soterrado. Así o recolle 'El Progreso'
Cando as obras comezan (verán 2007), os veciños van parar os camións, e a policía local entrega, catro días tarde, a orde de paralización
Cando as obras comezan (verán 2007), os veciños van parar os camións, e a policía local entrega, catro días tarde, a orde de paralización
Porén, ao entraren coa pa mecánica e os camións, a zona quedou moi afectada, e unha parte importante do xacemento, estragada
Porén, ao entraren coa pa mecánica e os camións, a zona quedou moi afectada, e unha parte importante do xacemento, estragada
A zona arqueoloxicamente fértil foi movida e estragada
A zona arqueoloxicamente fértil foi movida e estragada
O construtor decide pechar a zona das olladas curiosas
O construtor decide pechar a zona das olladas curiosas
Arestora, o primeiro edificio segue medrando, mentres unha parte do xacemento, onde irían os outros dous predios, está destapada
Arestora, o primeiro edificio segue medrando, mentres unha parte do xacemento, onde irían os outros dous predios, está destapada