Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Proceso de renovación no BNG

Beiras liderará unha candidatura ao Consello Nacional do BNG na asemblea

O ex voceiro nacional e líder do Encontro Irmandiño ábrese a negociar unha Executiva "plural" co resto de correntes.

Redacción - 19:15 21/04/2009

O ex voceiro nacional do BNG e líder do Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras, anunciou este martes que liderará unha candidatura ao Consello Nacional na asemblea extraordinaria de maio e abriuse a negociar coas outras dúas principais listas de delegados co obxectivo de conformar unha Executiva "plural", onde estean reflectidas todas as correntes da formación frontista.

En conferencia de prensa, Beiras confirmou que a corrente que lidera o apoia para ser a cabeza dunha lista para a elección dos 50 primeiros membros do Consello Nacional -máximo órgano de decisión entre asembleas- , mais non descartou pactar os membros da Executiva para que todas as sensibilidades da militancia "estean representadas". A postura prodúcese despois de que as Listas Abertas, que promoveron os 'irmandiños', obteñan entre o 15% e o 18% dos 2.500 delegados que acudirán ao conclave extraordinario.

As tres opcións que maioritariamente saíron representadas nas comarcais do pasado sábado foron Alternativa pola Unidade -candidatura que impulsa a UPG e que encabeza o concelleiro pontevedrés Guillerme Vázquez-, e que conseguiu entre o 46 e o 48 por cento dos delegados; Máis BNG -que lidera Carlos Aymerich, na que se aglutinan independentes e partidos denominados no seu día 'quintanistas'--, que sumou máis do 36% de representantes para a asemblea; e Listas Abertas -que promove o Encontro Irmadiño e á que se sumou Esquerda Nacionalista e o independente Camilo Nogueira.

No plenario do próximo 10 de maio, os delegados terán que votar as tres listas que até o de agora se presentaron nas comarcais -ás que hai sumar outras de carácter local. Destas sairán os primeiros 50 membros do Consello Nacional, mentres que o resto dos compoñentes deste órgano se elixirán nun proceso posterior en asembleas comarcais.


4.83/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: