Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xosé Manuel Beiras

"Hai que poñer ao día o proxecto político do nacionalismo"

"Se non hai rexeneración, o BNG pode ficar inservíbel para o proxecto político do país", advirte Xosé Manuel Beiras.

Texto: R. Vilar / R. Noguerol / Vídeo e fotos: Isabel G.Couso - 11:00 23/04/2009

No vídeo adxunto poden escoitar o inicio da entrevista con Xosé Manuel Beiras, onde resume para Vieiros en primeiro lugar a razón do impulso da candidatura ao Consello Nacional que el mesmo lidera cara á asemblea extraordinaria do BNG. Beiras reitera que el non se presenta á portavocía porque primeiro hai que elixir un Consello Nacional e este a un Executiva e finalmente este órgano será o que designe un voceiro. Doutra banda, fala do que considera prioritario para que o BNG poida aspirar a ser forza maioritaria. De paso, pedímoslle tamén a súa reflexión para o especial de Vieiros Un país normal, vídeo que lles achegaremos nos próximos días. Ao fío, reflexiona Beiras que probablemente na actualidade "nin en Europa nin no mundo existe un país que poidamos cualificar de normal" neses términos nos que falamos.

Vostede escribira en 2004 un artigo para Vieiros onde falaba de Galiza como o país "máis destruído de Europa". Mantén esa análise?
Efectivamente, da Europa que eu coñezo, e tiven oportunidade de coñecer bastante, Galiza é o país máis destruído. E podiamos poñer o exemplo da Castilla de hoxe, que está menos degradada, en moitos sentidos probablemente máis recuperada que o noso país.

Un exemplo de como se desaproveitaron moitas oportunidades nas últimas décadas?
Non só, mesmo no aspecto físico. Os exemplos témolos ben perto. Onde eu vivo, gusto de camiñar polo monte e, fronte á estampa actual de eucaliptais, teño imaxes de contraste de cando era neno e mozo, e podo falar por exemplo do retroceso das frondosas e a expansión primeiro dos piñeiros e logo dos eucaliptais. Exemplos de cambios de fisonomía tan brutais que resultan ferintes. Dicía xa meu pai daquela que cando rematase o franquismo faríase unha repoboación forestal que corrixise iso. Pero vemos que décadas despois de morto o caimán a cousa non mudou.

É un exemplo das pancadas que sufrimos continuamente. Outro sería o do idioma. De escoitarmos con naturalidade unha maioría de galego en cidades como Santiago ou Vigo pasamos a un escenario de claro retroceso. Ás veces nalgúns lugares dáme a impresión de que xa non estou en Galiza. Un dos grandes problemas do idioma foi o de ser un estigma de clase, o galego era a lingua das clases dominadas, que eran o 90% da poboación. Agora vas pola rúa nos ámbitos proletarios que noutro tempo eran galegofalantes de sempre e falan a maioría en español. Neses momentos un ten a convicción de que se está destruíndo o país. Con todo, e fronte a esas campañas de deturpación da realidade, eu non son pesimista, e moito menos derrotista.

PSdeG e BNG perderon logo de gobernar aínda non catro anos. Como se explica algo tan pouco habitual como perder o poder á primeira? Que percepción dos fallos ten vostede, que viña de atrás e que erros cometeu o Goberno?
Hai factores que son externos ao BNG e ao labor do bipartito do que o Bloque formou parte. Falouse abondo deles e non vou determe neles, porque o que agora nos interesa é fixaros naqueles factores sobre os que o BNG podía actuar. Hai que partir da idea de que o que aconteceu nestas eleccións é un punto, e non final, dun proceso que vén de anos atrás, no interior do BNG, no que se empeza a cortocircuitar todo o sistema de irrigación interna entre base e dirección e que converte o BNG nunha forza onde boa parte desa militancia séntese allea á toma de decisións. E hai que recordar que unha fortaleza do BNG era xustamente a capacidade de articulación desa xente e que ascendeu en apoios, contra vento e marea, sen aval económico nin mediático, grazas a ese valor. Pero toda esa enerxía interna deteriorouse.

En segundo lugar, o Goberno pasou de ser un obxectivo táctico para facer avanzar o proxecto político, e facelo ademais dun xeito completamente distinto a como viña facendo a dereita do fraguismo, a ser un obxectivo en si mesmo. Así, o BNG no Goberno converteuse na práctica nunha forza autonomista, cunha visión e unha actuación que non ía máis aló.

Por outro lado, o BNG como organización, pasou de ser a organización que tiña que fiar co Goberno a súa relación para xerar liñas de actuación política e afortalar e reactivar o seu traballo no seo da sociedade para ampliar empatía social, a ser pola contra un colchón de gomaespuma arredor do Goberno, unha especia de parapeto. Viroulle as costas á sociedade e sobre todo aos sectores máis activos, movementos sociais e sobre todo ás bases cívicas que tiñan máis asumido o proxecto BNG como algo esperanzador. Iso fíxolle perder non só apoio, senón capacidade de transmisión do que se facía no Goberno e, sobre todo, do que se facía ben no Goberno.

Outro erro importante: non ter marcado os cambios de rumbo na acción política para que se percibise que, ademais de cambio de maioría parlamentaria, había un cambio político. Sabendo que a demanda era que se entrase aló na Xunta como os exploradores o fan na selva: cun machete cortando o enguedello que sempre se denunciara desde a oposición. Iso non se fixo.

Todo isto combinado deu lugar a unha situación de debilidade. Ademais, tentouse seducir a sectores da sociedade que sempre foran hostís e contrarios a unha viraxe á esquerda na Xunta, ao tempo que a formación se distanciaba dos focos sociais máis dinámicos. No momento en que eses sectores de poder consideraron que xa utilizaran abondo o Bloque, cortaron e o BNG caeu da nube, topándose con que non estaba xa esa rede social de seguridade activada.

Así e todo, hai que subliñar que se as eleccións se chegan a adiantar ao outono, o PP non gaña. No mes de outubro ou novembro o PP non podía gañar. A partir de aí a incidencia da crise, pero tamén a psicose de crise, en gran medida propagada polos medios de comunicación, e o feito de que gobernase o PSOE aquí e que se lle atribuíse a responsabilidade de todo iso ao goberno do Estado, fai caer a credibilidade do PSOE en Madrid cunha repercusión en Galiza. Tal e como aconteceu outras veces, a historia do PSdeG-PSOE ten sido sempre así: sobe en Galiza cando vai ben en Madrid, e se non, baixa. E non foi só azar, xa que houbo falta de previsión de que iso podía acontecer. Por último, sinalar que cando se produciu o ataque, furibundo, espúreo e intoxicador, non se soubo reaccionar. Non houbo reflexos para responder.

E logo deses erros que vostede menciona, neste momento actual, que claves prácticas debera poñer en marcha o BNG para activar, xa non só a militancia, senón esas bases sociais potencialmente próximas?
Nós non temos toda a verdade nin somos uns oráculos, pero moitas das cousas que xa propuxemos despois das eleccións e no proceso cara á asemblea que agora se celebrará, son claves. Primeiro, retomar o deseño do BNG, a súa capacidade de funcionamento interno, que o pluralismo sexa de verdade pluralismo, que como frente plural que o Bloque é funcione sobre o eixo dun proxecto común, coas lecturas diferentes converxendo nun proxecto, reestabelecer o principio da solidariedade e a cooperación interna. Emularse reciprocamente é bo, pero competirmos non, porque competir é de feito o comezo do capitalismo do desastre: o pensamento de esquerda baséase no principio de cooperación. Para todo isto hai que poñer en funcionamento os mecanismos, resortes e regras internas que permitían iso. Son reformas que, no fondo, se definirían mellor como recuperación e restauración.

Doutra banda, e con respecto á sociedade, o primeiro é recuperar a credibilidade ante os sectores máis activos, fundamentalmente diante das bases sociais da esquerda máis xenuína deste país. E a partir de aí reestabelecer a interlocución coas organizacións sociais da fronte do nacionalismo con máis tradición, pero non só con estas. Ademais, haberá que analizar por exemplo o que pasa cunha organización tan importante para o BNG como é Galiza Nova. Hai vinte anos no treito de idade de primeiros votantes o nacionalismo era a opción maioritaria, mentres que hoxe caeu por baixo das outras. É un exemplo da falta de capacidade da interlocución, neste caso, coa mocidade. E haberá que dar exemplo dos principios fundamentais que se predica, sexan dignidade e igualdade ou outros.

Está se cadra o BNG xogando cunhas claves políticas que non se axeitan xa ao tempo que estamos, é dicir, que non houbo traballo de diagnose e teses políticas nestes anos recentes?
Claro, haberá que poñer ao día o proxecto político do nacionalismo, adecuándoo á estrutura social do país. Collamos por exemplo a documentación do BNG nos últimos dez anos e poderemos ver que non está feito o traballo. Onde está o material das comisións de industria, ambiente e outras que faga diagnose e poña ao día, marcando propostas e liñas de acción política? Todo por facer. Un labor por diante impresionante.

A morfoloxía da sociedade mudou. Poñernos ao día non significa abandono de ningún dos postulados do ideario político do proxecto estratéxico. Por exemplo: porque o idioma estea na situación que está non se pode pasar a aceptar o bilingüismo, senón que a análise debe partir da convicción de que para levar adiante a nosa tese haberá que actuar de xeito diferente e non como se aquí o 80% da xente falase galego. Se o proletariado industrial mudou, se asistimos a unha terciarización da economía, haberá que telo en conta. E poñelo ao día significa tamén plasmalo en liñas operativas. Non se trata de converter o BNG nunha universidade popular, somos unha forza política e hai que trasladar esas ideas a algo practicábel na acción política e social. E outros temas deben ser introducidos de xeito diferente: Por exemplo, co Estatuto, o que se fixo foi botarlle "margaritas aos cochos", permitindo un fracaso sen prexuízo dos que estaban practicando o obstrucionismo, permitíndolles flirtear e faceren que xogaban ao consenso.

Por baixo da discusión mediática de nomes hai dous eixos que quedan un chisco solapados. A participación da militancia e outro que pasa máis desapercibido que é a validez ou non do frontismo. Segue sendo viábel unha fronte que integra formacións ideoloxicamente moi dispares? É iso a causa da convulsión?
Non, é o propio dunha fronte plural que depende de se está ben ou mal articulada. Pode ser un totum revolutum ou un organismo ben estruturado. Pero ese é o camiño para chegar a unha maioría social sobre o eixo da autodeterminación.

Por que se inventou a fórmula Bloque, produto made in Galiza, a comezos dos anos 80, substituíndo outros vellos deseños de fronte? E por que funcionou? Por que articulou todo o arquipélago de formacións nacionalistas, agás FPG? Porque era adecuado para a nosa sociedade. Por iso, se seguimos apostando por un proceso de autodeterminación baseado no ideario da esquerda, só hai dúas maneiras posíbeis de camiñar adiante. A primeira sería que todos os cidadáns de todas as condicións sociais diferentes con ideoloxía específica que estean de acordo, se expresen cada un a través do seu propio partido, e logo entre eles fagan o acordo necesario para conducir o proceso de autodeterminación. Pero cando iso falla e mesmo aparecen lagoas inmensas no espazo social, se montas partidos nacionalistas que só cubran unha parte do espectro, vaiche quedar fóra todo o resto. Aquí durante a transición non existía nada similar a CDC, Unió ou o PNV, por exemplo. Se por riba temos no espectro de representación ideolóxico-política das clases populares do espectro nacionalista unha situación de inmadureza do proceso para obter a representación que por exemplo tiñan formacións como ERC ou HB e Cataluña e Euskadi, entón nin unha nin outra. Quedamos fóra de todo. Por iso había que idear outro deseño para acceder a unha maioría social. Un modelo de acordeón que vai abrindo e construíndo un edificio político con moitas portas abertas, para que vaian entrando todos os sectores agás as oligarquías. Ese é o deseño do BNG. Pode haber que retocalo ou melloralo, pero o deseño en si mesmo é bo.

Non podemos operar cun esquema alleo de partidos. Porque converter o BNG nun partido sería simplemente montar un tinglado para ir ao mercado electoral apañar onde se poida, ou a iso que lle chaman o centro ou, por outro lado, quedar confinado. Unha das causas do deterioro do BNG foi xustamente que, de xeito subrepticio, quixeron convertelo nun partido. Por iso, o BNG debe seguir a ser un artefacto flexíbel capaz de expanderse na captación de segmentos sociais. Aquí non somos centro, senón periferia, e non podemos adoptar modelos políticos de fóra. Unha ollada á historia ofrece exemplos paradigmáticos, véxase senón o que pasou en Latinoamérica coa exportación do modelo europeo de partidos. Fracasaron porque esas sociedades non eran como as europeas. Galiza tampouco é como a sociedade francesa ou a alemá, nin sequera como a catalá ou vasca. De aí que andásemos un tempo á deriva na fase da transición. O BNG por exemplo foi pioneiro hai case unha década na introdución do altermundismo no seu ideario, na conexión co Foro Social Mundial, onde Camilo Nogueira e máis eu acudimos repetidamente. E que uso de todo ese coñecemento adquirido se fixo na práctica en tempos recentes? Ningún. Camiños explorados apenas a través da Fundación Galiza Sempre ou por Camilo cando estaba no Parlamento Europeo. O Bloque como tal non.

Xa que logo, imos botar ao lixo un deseño que se adiantou quince anos ao que está comezando a agromar na dinámica dos pobos sociais mundiais e que agroma en lugares como Bolivia ou Ecuador? Queremos agora copiar o que non valeu? E o paradoxo é que o queiran facer cando os modelos de aparato de Estado e partidos ponte coa cidadanía están obsoletos e moi cuestionados. Caralludo! Adiantámonos un feixe de anos e, agora cando máis se pon en valor a nosa solución, imos renunciar a ela... O BNG non pode converterse nun ente colonizado. O BNG ten que pensar de xeito propio en función do seu país. Os discursos están aí, e non só do portavoz nacional. Por iso eu me tiraba dos pelos ao escoitar esas cousas.

Onde ten a convicción, se a ten, de que os distintos proxectos que chegan a esta asemblea terán o seu punto de encontro? E cales serán os principios que vostede considera que de ningún xeito deben quedar fóra?
Non o sei. Pola nosa parte non haberá acordos antes do plenario. Pode habelos no plenario, especialmente para o desenlace final da asemblea, coa executiva. Pero non sei o que farán os demais. Non son médico e non teño fonendo e moito menos raios X.

Preocúpalle que este abrollo da autocrítica no BNG xurda simplemente pola perda do Goberno?
Si e non, aínda que eu diría que non houbo autocrítica por esa perda. Houbo dimisión, unha forma xestual de autocrítica, e foi grazas á nosa presión. Iso é grave. De non perderse o Goberno, no BNG non se estaría dando este proceso, para ben e para mal. E aínda habendo o que houbo, de non ser por nós parecía que non ía haber aceno. Cara ao futuro eu xa non tenciono reclamar autocrítica por parte dos que estiveron no posto de mando no proceso que desembocou nesta crise. Reclamo simplemente que escoiten a crítica dos que a facemos e que actúen en consecuencia, que non a neguen, que non a descarten, e non fagan oídos xordos. Para min xa é abondo se a crítica vale para que asuman cousas.

Que é o mellor e o peor neste traxecto do chamado quintanismo? Con que leccións se queda deste período que vai desde a súa propia saída da portavocía e o acceso de Anxo Quintana?
(Ri) Iso é moito pedir para resumir nun par de minutos. Pero remítome a todo o que viñen dicindo até o de agora. Porque todos estes problemas teñen uns protagonistas e uns responsábeis na dirección. Que se apliquen o conto, para ben ou para mal.

Con todo, en 2006, cando xa se vía por onde ía a cousa e nós montamos unha candidatura á portavocía nacional que, contra prognóstico achegouse ao 20%, e coas outras candidaturas críticas achegámonos ao 40%, do mesmo xeito que a lista autodefinida A Alternativa explicitamente dicía querer desprazar os que estaban na dirección para poñérense eles a nosa perspectiva era outra: queriamos restabelecer a pluralidade de voces e protagonistas no BNG. Non fixemos unha crítica agresiva nin negativista senón que avaliamos que había que endereitar as cousas e abrimos un espazo co que contribuír a elo. O noso traballo desde aquela non foi poñer atrancos, senón reflexionar e discutir. A min a dirección recordábame nese tempo o que pasaba co PP no Parlamento cando perdía os debates pero gañaba as votacións... Non considerábamos que se estivese facendo todo mal, pero si que se perdía o norte e que se deturpaban cuestións de convivencia interna.

E nese contexto e con eses problemas acumulados, teríanse aberto feridas internas demasiado complicadas de pechar?
A nivel individual, o máis ferido de todos estes últimos anos fun eu. E se estou facendo o que fago é porque teño as feridas pechadas. Se non estaría sangrando por todos lados... Se eu fun capaz de facelo, moita xente que foi marxinada e que está no Encontro, e tamén fóra, poden tomar exemplo. Nunha organización non pode estarse na dinámica de que calquera debate que se abra para resolver problemas reabra feridas. Esa actitude non leva a ningures.

Vostede falou da "última oportunidade" do BNG.
E reitero que esta é a última oportunidade do BNG de recuperarse. A derradeira. Se o BNG non reconduce esas cuestións básicas e comeza unha nova etapa de rexeneración, convertirase nun artefacto inservíbel para o proxecto político para o que naceu e acabará sendo unha peza do aparato de estado autoanémico, de autonómico, Xunta, concellos e non sei que máis, que non valerá para facer avanzar o proxecto nacional deste país.

Por tanto, unha de dúas. Ou ben este pobo está moribundo, en estado agónico e esta esclerose do BNG significa que como non vai tirar do proxecto desaparece do mapa iso que chamábamos Galiza até o de agora... Ou ese pobo enxendrará o artefacto sustitutivo do BNG, como fixo no ano 82 respecto de modelos anteriores.

Esta é a realidade. Hai vida fóra do BNG. Que non pensen que non hai vida social, cultural, ideolóxica e política fóra do BNG...

Vostede aínda lle dá unha esperanza de rexeneración ao BNG, pero sabemos que coñece xente que xa non lle outorga esa esperanza. Alén dese exercicio de fidelidade ao Bloque...
É unha aposta.

A última aposta?
Non última. É a aposta despois do enterro, porque a min enterráronme cinco veces e debéronme sepultar outras tantas... Pero seica resucitei... (Ri) O que importante é recordar que moita xente que está nese plano, se isto volve funcionar, esa xente reactívase e recupérase. Hai xente que non cre, pero como a historia do santo e aquel ao que lle dicían, "non cres? mete a man aquí na ferida", pode volver crer.

Cantas veces ao longo destes anos Xosé Manuel Beiras pensou que había que soltar amarras?
Moitas.... Pero non para montar outra cousa. Eu non. De feito deixei durante moito tempo a actividade política na organización, deixei de ir cando vin que non valía de nada, pero non montaba cristo... E dediqueime máis a outras liñas de traballo, a escribir, a predicar, a estar en relación cos movementos sociais. Caso do Foro Social Galego, a revitalización da Conferencia de Nacións sen Estado de Europa, o Consello Internacional do Foro Social Mundial...  

Pero cónstanos que houbo moita xente que lle dixo que vostede era a persoa que tiña que crear esoutro artefacto para substituír o artefacto anterior...
Pero a realidade é que hai máis voces desas fóra do BNG organización que dentro do BNG polo que se ve. Entón, unha de dúas: ou hai dous Beiras ou é un indicador da disociación que existe entre BNG e cidadanía. Eu non considero ningunha enquisa ir por aí e que alguén me diga "Beiras, hai que coller o temón", ou "a ver se volve vostede". Eu non son nin ningún indispensábel mesías nin home chamado a redimir este país. Pero mentres eu perciba que siga tendo unha forma especial de conexión cos cidadáns deste país ou que son un referente para alguén seguirei traballando onde sexa, no Bloque, fóra do Bloque, ou na casa.

Recordo que, para sorpresa de moitos, dixen durante a avaliación do que pasou nas últimas eleccións, que o problema non estivera no que o BNG fixera ou deixara de facer no Goberno, senón que o problema estaba no propio BNG. Para empezar, se o BNG chega a funcionar doutra maneira, a percepción do que se fixo ou deixou de facer no Goberno non sería a mesma. En segundo lugar, habería unha base de apoio que asumiría que se puido fallar en cousas pero que esixiría un dique que protexese os logros. Así o fixo o BNG nos 90 e grazas a iso o fraguismo non destruíu tanto como puido destruír. E se non se fai dentro da organización, pode facerse fóra.


Ligazóns

4.54/5 (52 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: