O histórico dirixente nacionalista fai público un comunicado no que mostra as súas diferenzas coa decisión tomada pola dirección do BNG.
Camilo Nogueira vén de facer público este luns unha carta aberta na que mostra o seu disgusto coa dirección do BNG. O ex eurodeputado acusa ao "sector oficial" do Bloque de terlle impedido ocupar o escano que deixa Ignasi Guardáns. O Bloque, a petición de CiU, decidiu deixar correr o posto de Nogueira para que este poidese ser ocupado (no mes que resta de lexislatura) por outro membro da formación catalanista. A dirección do BNG insiste en que esta circunstancia estaba contemplada no pacto asinado polo integrantes de Galeuscat. Ofrecémoslles íntegra a carta enviada por Camilo Nogueira aos medios de comunicación:
“Quero mostrar o meu total desacordo con a decisión tomada, a instancia de CiU, pola Comisión Executiva en funcións do BNG, e depois polo Consello Nacional, sobre a renuncia ao escano de deputado que me pertence. Creo que tomaron unha decisión moi prexudicial para Galiza e o que nela representa o nacionalismo galego. Perante a posibilidade de estar como BNG no Parlamento Europeu no remate desta lexislatura a Comisión Executiva aceitou decontado as posicións de Converxencia e Unió, a mesma que contra os nosos intereses acababa de romper o pacto Galeusca que outorgaba a Galiza a terceira posición na candidatura das eleicións europeas. A negativa Carta de CiU nen siquer foi apresentada na reunión da Comisión Executiva que tomou a decisión favorábel a organización catalá.
Coido tamén, e teño abondas razóns obxectivas para facelo, así que na decisión tomada e na forma de facelo influi determinantemente o feito de que defendo e partillo con compañeiras e compañeiros no BNG, e con muita xente da nación, ideas diferentes ás da maioría actual na direción da organización.
Ainda así, teño a intención de renunciar a acta de deputado no Parlamento Europeu.”
1.-“Demitido o deputado Ignasi Guardáns (depois de serlle negada por CIU a posibilidade de apresentarse de novo nas eleicións europeas e como consecuencia de incorporarse a un cargo no Ministerio de Cultura do Governo do Estado) correspóndeme legalmente substituilo por ocupar a terceira posición como candidato do BNG, logo do deputado do PNV Josu Ortuondo. A pasada semana o Parlamento Europeu debe principiar o proceso de substituición para ser trasladado á Xunta Eleitoral Central do Estado Español, organismo que comprobada a lista apresentada debe dar resposta á Camara europea.
2.-A ocupación do escano non sería debida a ningunha ilexítima pretensión pola miña parte, como deu a entender a Comisión Executiva, nen sería un simples produto da miña vontade, senón a consecuencia legal da posición mantida na lista conxunta. Sería en todo o caso coerente co Pacto de Coalición Eleitoral de Galeusca, que asinamos os candidatos.
4.- Teño a convición de que a entrada do BNG ao final da lexislatura tería un carácter simbólico beneficioso para o nacionalismo na campaña eleitoral que se aviciña.
5.-Mais, depois de receber unha Carta de Convergencia i Unió na que demandaba a miña renuncia, dirixentes do BNG aceitaron decontado as posicións da mesma organización catalá que acababa de romper o pacto Galeusca no que BNG ocupaba o terceiro lugar nas listas eleitorais.
6.-A Carta de CiU non foi posta en coñecimento dos membros da Comisión Executiva que, celebrada o 22 de abril, tomou estrañamente unha decisión favorábel a esa organización e contraria aos intereses do BNG. A maioría dos membros da Comisión Executiva, e todos no sentido formal, ignoraban o contido concreto da Carta. Afectado directamente, eu tamén o descoñecía. Pasaron dous días até que o 24 de Abril me fixeron chegar a nota que enviaran aos medios de comunicación e os documentos que pretendían xustificar a renuncia pedida por CiU.
7.-A Carta tampouco foi apresentada como tal ante o Consello Nacional do sábado 25 de Abril, cuxo contido foi dado a coñecer por min nese acto. Membros da Comisión Executiva tiveron noticia por esta vía do contido exacto da mesma.
8-Depois de manter o silencio posíbel, defendin a miña postura perante o Consello Nacional, o orgao ao que lle corresponden as decisións políticas depois da dimisión da Comisión Executiva a consecuencia do fracaso nas eleicións galegas. Dixen que os termos e os argumentos da Carta refletían moi discutíbeis intereses de CiU, que non respeitaban o sentido do Pacto de Coalición e eran contraditorios cos intereses do BNG.
9.-Depois de facer apelación ao Pacto da Coalición Eleitoral, e en particular a Norma Oitava do mesmo, a Carta de CiU reclamaba que “o candidato Camilo Nogueira, do BNG, presente a súa renuncia a tomar posesión da súa acta de eurodeputado”. Non a pedían, surpreendentemente en favor do cuarto candidato, de Unió Democrática, que parece estar separado de CiU, senón do quinto militante de Convergencia, o outro partido da federación CiU. Agregaban que reclamaban a renuncia “tamén para evitar alteracións laborais na equipa de asesores a cargo de CiU”, engadindo: “trátase tan solo de manter a continuidade da equipa até o mes de xullo, data en que tomarán posesión os novos deputados”, asunto que podía arregrarse sen renunciar aos intereses galegos e do BNG outorgándolle a CiU o direito a receber a asignación para secretariado proporcionado polo Parlamento.
10.-En todo o caso, a cuestión central reférese á interpretación daquela Norma oitava do Pacto de Coalición, referente á substitución no caso de “falecimento, incapacidade ou renuncia de un deputado”. A Norma di que nese caso “os partidos integrantes da Coalición se comprometen a posibilitar o acceso á condición de Deputado a outro candidato pertencente á mesma formación política que o que causa baixa, para respeitar a proporcionalidade que saia das urnas”, rematando con unha frase referente a que os partidos se comprometen a por esta circunstancia en coñecimento de todos os integrantes da candidatura, chamamento este que pertencente ao Protocolo global da Coalición que asinamos os candidatos e debemos respeitar.
11.- Contra a decisión tomada pola Comisión Executiva do BNG, tan prexudical para Galiza e o nacionalismo galego, defendín no Consello Nacional que esa “proporcionalidade saida das urnas” está máis que respeitada tendo en conta que CiU tivo o escano cinco anos, entanto que o BNG non o ocuparía máis que un mes até o momento das eleicións e outro máis até a toma de posesión dos novos deputados. Non se trataría, pois, de no cumprir os acordos con CiU e o PNV, ou de non respeitar a literalidade dos acordos, como pretendeu a Comisión Executiva, senón de consideralos desde o ponto de vista galego, utilizando unha argumentación máis correcta, racional e xusta.
12.-Débese lembrar que, contra os argumentos difundidos pola Comisión Executiva en funcións esa cláusula non se refere para nada a acordo de non rotación contemplado no Pacto de Coalición, senón a unha situación sobrevinda que, obviamente, se pode dar tanto se existe o acordo de rotación como se non.
13.-Non está en demais recordar de novo que foi a organización catalá a que, negándolle a última hora ao BNG o terceiro posto nunha coalición posíbel para a próxima lexislatura europea, obrigouno a procurar outra alianza.
14.-Por estes motivos, ante o Consello Nacional reclamei a reconsideración da posición da Comisión Executiva en funcións para evitar os prexuizos na próxima campaña eleitoral que se orixinarían tanto no caso da renuncia, contraria á presenza simbólica do nacionalismo galego no Parlamento Europeu no final desta lexislatura, como no caso de ser mantida por min a decisión persoal de ocupar o escano que me corresponde legal e politicamente.
15.-Sigo considerando que a Comisión Executiva tomou unha decisión moi prexudicial para o nacionalismo galego e para o que representa en Galiza. Estou en total desacordo con esa decisión. Penso tamén, e teño abondas razóns obxectivas para facelo así, que na decisión tomada e na forma de facelo influi determinantemente o feito de que o candidato son eu, que defendo e partillo con compañeiras e compañeiros no BNG e muita xente na nación ideas diferentes e contraditorias coas da maioría actual na direción da organización.
16.-Ainda así, teño a intención de renunciar a acta de deputado que me corresponde no Parlamento Europeu.
17.-Non lle teño medo aos xustos conflitos mais, desexando uns bós resultados nas próximas eleicións , non quero que a miña presenza no Parlamento Europeu se relacione con nada do que suceda. Abonda co que xa pasou sen eu ter nada a ver. Depois de defender en 1999 a idea de o BNG apresentarse en solitario, en 2003 non pensaba repetir como candidato e así o anunciei na Comisión Executiva do BNG á que pertencía. Acabei aceitándoo. Faltaron 160 votos e fallaron muitos máis. Con todo, tiven o privilexio de ser deputado do BNG por Galiza na lexislatura 1999-2004 e teño tamén a experiencia excepcional de ter sido deputado eleito por unha semana no principio da lexislatura 2004-2009 e deputado virtual por uns días ao final da mesma. Debo agradecer o voto das mulleres e dos homes que o posibilitaron. Fica moito por facer.
Camilo Nogueira
Adxunto a Carta de CiU (cuxos termos foron feitos públicos pola organización catalá o pasado sábado precisamente nas horas en que o 25 de Abril se reunía o Consello Nacional do BNG) e a norma oitava que forma parte do Protocolo global da Coalición que os dirixentes e candidatos asinamos no seu momento.