Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
NO DÍA DAS LETRAS

"Agardamos unha manifestación histórica porque hai máis razóns que nunca"

A Mesa pola Normalización apela ao carácter vertebrador e de cohesión da lingua galega e prevé superar a participación do ano pasado.

Redacción - 18:15 29/04/2009

A tradicional manifestación en defensa do galego que se celebra cada ano en Compostela polo Día das Letras terá este ano connotacións moi especiais. Así o deu a entender o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, na presentación do lema que definirá a xornada: "O galego, a nosa columna vertebral. O idioma que nos une". Os matices veñen da man dos últimos acontecementos políticos: "agora hai máis razóns que nunca", di Callón, "logo das medidas anunciadas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, como a derrogación do decreto do galego na educación ou garantía de poder presentarse a unhas oposicións descoñecendo o noso idioma".

Por este motivo, os esforzos da Mesa van dirixidos a que a manifestación deste ano sexa histórica. Así o asegurou tamén o seu vicepresidente, Fran Rei, quen adiantou que a previsión é "superar a cifra de 25 mil persoas, que foron as que o ano pasado colapsaron a Praza da Quintana, onde non puideron entrar moitos dos manifestantes".

Para os que falan galego, e para os que non o fan
A mensaxe escollida para este ano apela a nocións como a unidade ou a cohesión: "queremos que sexa unha chamada a defender a lingua común, como elemento vertebrador da sociedade galega, tal e como recolle o proio Estatuto de Autonomía", di Callón. Así, dende o colectivo chaman a participar nesta iniciativa a todas aquelas persoas que "falen unha ou outra lingua, aman o galego e o senten como un patrimonio vivo e útil de toda a sociedade".

Finalmente, a Mesa valorou positivamente os apoios recibidos e as sinaturas do "Manifesto a prol da convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego". Até o de agora, xa sumou sobre 16.300 apoios individuais e máis de 385 colectivos.


Ligazóns

4.67/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: