Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
LISTAXE

As democracias tamén censuran internet

Con escusas como combater a pirataría, o terrorismo ou ideas políticas "nocivas", diversos países filtran os contidos aos que pode acceder a súa cidadanía.

Redacción - 09:30 01/05/2009

En moitas ocasións tense dito que os réximes ditatoriais censuran a internet e impiden o acceso libre aos seus contidos. Pero tamén hai gobernos que se consideran a si mesmos democráticos que bloquean ou filtran o que a súa cidadanía pode ler e ver.

Na edición en lingua castelá de Foreign Policy publícase unha listaxe dalgúns deses estados e das restricións que están a efectuar no acceso á rede. Así, por exemplo, Australia filtra contidos baixo a escusa de combater a pornografía infantil e o terrorismo. Pero eses límites parece que se están a ampliar, con webs de póker, eutanasia ou satanismo. Un organismo gobernamental encárgase de manter unha lista negra de enderezos "prohibidos" que quedarán inaccesíbeis, en principio, en xuño de 2009.

Outro caso é o de Francia, que volve debater estes días a Lei Hadopi contra a descarga gratuíta de arquivos. Outro órgano administrativo decidirá a quen se lle privará da conexión á internet por obter material considerado ilegal, e acabará por forzar, segundo FP, os usuarios con redes sen fíos a deixar de compartir o seu uso.

A India fai o mesmo coa escusa de combater o radicalismo político e o terrorismo, o que na práctica acabou por bloquear o acceso a foros enteiros e mesmo tentativas de impedir visitar Google Earth. Na Arxentina, unha demanda presentada por famosos como Diego Armando Maradona provocou que os buscadores Google e Yahoo non poidan ofrecer resultados sobre estes personaxes. Outro tanto pasa en Corea do Sur, cunha lista negra gobernamental que impide a propaganda a favor da reunificación con Corea do Norte, ou temas relacionados co marxismo e co comunismo.


2.33/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: