Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ningún dos convenios foi renovado

Alecrín pecha a porta por falta de financiamento

A Federación de Asociacións Veciñais de Vigo Eduardo Chao cre queeste feito pon de manifesto o "escaso apoio que están a recibir os colectivos que traballan na cidade".

Redacción - 17:00 30/04/2009

"Unha cidade tan viva a nivel asociativo como Vigo non pode permitir que desapareza nin un só dos colectivos que traballan en beneficio da cidadanía", sinalan dende a Federación de Asociacións Veciñais de Vigo Eduardo Chao, como reacción á noticia de que a asociación feminista Alecrín vai botar o peche, tras 25 anos de traballo, por falta de financiamento.

Pedras no camiño dunha sociedade civil organizada
Segundo a federación veciñal viguesa, nos últimos anos os cidadáns están a asistir ao "debilitamento do tecido asociativo", que supón "a base sobre a que se constrúe calquera sociedade civil organizada". Isto, láianse, é debido, sobre todo, "á hipocrisía que existe" en Vigo, cando, segundo denuncian, por unha banda fálase da importancia do voluntariado e da creación de asociacións na cidade, e polo outro "déixaselles morrer".

Nesta liña, sinalan que a situación é difícil de comprender, a non ser que de transfondo este a pretensión de "crear un voluntariado e asociacionismo dirixidos" o que sería, segundo esta federación veciñal, "atentar contra a natureza mesma deste xeito de participación que é a pluralidade". A seguir, sinalan que lles parece aínda máis grave que ante o "anuncio desesperado dun colectivo que traballa para axudar a un sector tan sensíbel como o das mulleres maltratadas", as autoridade ollen cara outro lado.

O grupo de estudos sobre a condición da Muller Alecrín
Alecrín anunciou formalmente esta cuarta feira o seu peche, xustificada na falta de fondos e de captación de financiamento.

A organización sen ánimo de lucro botou a andar hai 25 anos, e conseguía fondos a través dun convenio co Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra e diversas consellarías. No actual exercicio, nin un só destes convenios foi renovado. O rozamento total de Alecrín chegaba aos 500 mil euros anuais. Neste cuarto de século, as e os voluntarios de Alecrín abriron o primeiro Centro de Información dos Dereitos da Muller en Vigo, xestionaron casas de acollida para mulleres vítimas de violencia en Vigo e Compostela, centros de información para mozos e inmigrantes, e conseguiron pechar varios prostíbulos, e meter os proxenetas no cárcere. Ademais, promoveu unha cátedra de estudos feministas na Universidade de Vigo. Durante todos estes anos, converteuse nun referente na loita feminista no noso país.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: