Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
1 de maio

Día do Traballador con máis de 200 mil parados e en tempo de despidos masivos

"Fronte á crise: emprego, investimento público e protección social" e "Emprego, Dereitos e Prestacións Sociais", os principais lemas que saen á rúa este venres.

Redacción - 09:30 01/05/2009



"O problema non é o mercado de traballo, estase ante un problema de orientación económica", explicaba esta semana o secretario xeral da Unión Xeral de Traballadores (UXT-Galicia), Xosé Antonio Gómez, durante a presentación das mobilizacións do sindicato, que acode ás rúas esta sexta feira xunto con Comisións Obreiras (CCOO). "É verdade que no noso país estase destruíndo moito emprego pero tamén foi no noso país onde se creou máis emprego nos últimos anos dentro da UE, e isto coa mesma normativa laboral que temos hoxe”, analizou Gómez, opinando que este feito é exemplo de que "a aqueles que propoñen que son necesarias reformas no mercado laboral hai que dicirlles que o problema non é o mercado de traballo, estase ante un problema de orientación económica".

Nesa liña, o líder da UXT chamou a aproveita esta crise para facer cambios pero vixiando que estes nunca estean baseados en desrregulamentar o mercado laboral e debilitar a protección social. "Non se vai permitir que ninguén aproveite a crise para atentar contra os traballadores reducindo os seus dereitos", advertiu. Segundo sostén este sindicato, a crise debe ser lección para a viraxe do modelo de patrón de crecemento,"eliminar a especulación financeira e o enriquecemento rápido". "Esta é unha crise que ten a súaorixe no modelo neoliberal, na desregulamentación dos mercados, contexto no que algúnschegaron a pensar que o diñeiro xera diñeiro e crecemento", afirmou, "todo o contrario: o crecemento sostido xérano os investimentos produtivos".

Reivindicacións históricas, máis relevantes en tempo de crise
A comisión executiva nacional de CCOO, expresou esta semana a súa "solidariedade" coas máis recentes reivindicacións dos traballadores que viven situacións de conflito laboral de actualidade ao tempo que censuran a actitude das patronais. Polo miúdo, o sindicato fai mención especial dos traballadores mobilizados polos convenios provinciais do metal, o persoal do servizo de limpeza dos concellos de Vigo e Pontevedra e os empregados do sector do comercio na Coruña. Comisións critica actitude das respectivas patronais "de non se sentaren a negociar, dilatando a resolución dos conflitos laborais co conseguinte prexuízo para as traballadoras e traballadores".

Doutra banda, a Confederación Intersindical Galega (CIG), aproveita a xornada para denunciar que a actual crise, "non só económica, senón tamén de sistema", vívese con especial intensidade en Galiza e está sendo aproveitada por moitas empresas para "impoñer despedimentos baratos do persoal con contratos fixos por medio de ERE". "A clase traballadora ten que achegar unha resposta contundente que obrigue a tomar medidas extraordinarias de alcance político", reivindican. De forma concreta, a CIG critica a iniciativa do goberno español para que os traballadores cubran os gastos á seguridade social coas prestacións ou subsidios. "Lanza os desempregados a unha competición desigual polo emprego, na cal serán máis «atractivos» para as empresas os traballadores cunha prestación pendente máis elevada (que permiten bonificar unha maior cota, reducindo o seu custo salarial) fronte a aqueles que teñen menor prestación pendente ou non son perceptores de prestación ningunha", avisan desde a CIG.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: