Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cara ás eleccións europeas

O BNG será ferramenta en Europa "contra a crise" e a prol dos traballadores, destaca Miranda

"Os eurodeputados do PP e PSOE estiveron aquí, pero no referente aos intereses galegos é como se non estiveran", laiouse Ana Miranda en Bruxelas.

Redacción - 13:00 01/05/2009

"A nosa prioridade será apoiar aos sectores con máis dificultades: traballadores e pequena e mediana empresa", explicou esta quinta feira a candidata do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda. A cabeza de lista do Bloque para a cita electoral do próximo mes de xuño defendeu que a presenza dos nacionalistas galegos no Europarlamento "daralle a Galiza voz e voto en problemáticas que lle afectan directamente, como a crise pola que está pasando o sector lácteo".

"Queremos que os galegos vexan na presenza do BNG en Europa un aliado contra a crise", subliñou. Na opinión de Ana Miranda, no actual contexto de crise dos sectores produtivos "non valen medidas cosméticas e hai que ter iniciativa para reactivar a economía real con medidas activas". En conferencia de prensa en Bruxelas acompañada de Oriol Junqueras, de ERC e Mikel Irujo, de EA, Miranda asegurou que os membros da candidatura de Europa dos Pobos coinciden na defensa dunha Europa "máis social" que permita "afrontar mellor esta crise global do modelo neoliberal". "Nesa liña, a nosa prioridade será apoiar aos sectores con máis dificultades, os traballadores e traballadoras e as pequenas e medianas empresas, que son as que crean, no conxunto da UE, o 70% do emprego, e en Galiza unha porcentaxe maior", salientou.

"Sen a presencia de representantes nacionalistas, os intereses de Galiza non teñen quen os defenda", advertiu, indicando que o BNG pretende volver ao Parlamento Europeo para que Galiza "poida falar por si mesma, como xa aconteceu no período 1999-2004". "Os eurodeputados do PP e PSOE estiveron aquí, pero no referente aos intereses galegos é como se non estiveran", reprochoulles.


4.44/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: