Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"decrecer produtivamente, medrar humanamente"

A Igrexa de Base defende o "decrecemento solidario" como alternativa á crise

Acordaron comezar unha campaña para apoiar as alternativas de soberanía alimentaria e os proxectos de consumo responsábel e consciente dende e para Galiza.

Redacción - 12:30 04/05/2009

As Asociacións de Igrexa de Base Galegas acordaron, na súa asemblea anual, desenvolver unha campaña para propoñer alternativas para a "crise económica do sistema capitalista" dende o noso país, que pasarían por traballar no "decrecemento solidario".

Unha alternativa, esta que propoñen, coa que "chegariamos a unha sociedade máis xusta, creando unha vida máis digna para todas e todos, sen exclusións, obrigados a compartir para que todos teñan as necesidades básicas vitais cubertas".

"Vivir con menos para vivir mellor"
Segundo contan, estas asociacións han apoiar alternativas como a da soberanía alimentaris, "proposta por Vía Campesiña e apoiada polo Sindicato Labrego Galego (SLG)", ao sentiren "a necesidade dun cambio das regras que rexen o comercio mundial", falando da eliminación das subvencións "que lles permiten exportar aos países ricos os produtos por debaixo do seu custe real, danando os produtores dos países empobrecidos". Nesta liña, citan o "caso do leite" en Galiza.

Tamén sinalaron que, dentro desta campaña, van promover proxectos de consumo consciente e agricultura ecolóxica (citan O grelo Verde e o Proxecto Amorodo) e de banca solidaria (falan da AIS O Peto que traballa neste eido a través do Proxecto Fiare), que "axudan a humanizar o mercado, baseándose na complementariedade e solidariedade, e non na competitividade".

As Asociacións de Igrexa de Base Galegas sinalan, para pechar un seu comunicado, que con estas medidas de defensa da terra, da solidariedade e da xustiza social, "tendo en conta as relacións de xénero", outro mundo "sería posíbel". Esta Asociación está formadas por Somos Igrexa, Irimia, Encrucillada, Mulleres Cristiás Galegas e outras integradas na Coordenadora de Crentes Galeg@s, e, a nivel estatal, no Colectivo Redes Cristiás.


3,5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: