Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ULTIMA HORA

Guillerme Vázquez, novo portavoz nacional do BNG

A lista encabezada polo pontevedrés logrou 1.189 votos (8 representantes na Executiva) e a de Aymerich 969 (7).

Redacción - 19:43 10/05/2009
Tags: asemblea BNG

NOVA EXECUTIVA NACIONAL DO BNG:

Pola Alternativa pola Unidade

Guillerme Vázquez; Ana Pontón; Francisco Jorquera; Rosana Pérez; Francisco Rodríguez; Montse Prado; Rafa Villar (integrado en representación de Máis Alá); e Francisco García.

Por Máis BNG:
 Carlos Aymerich; Teresa Táboas; Manuel Antelo; María Méndez; Xoán Carlos Báscuas; Ana Luísa Bouza; e Gonzalo Constenla


*18.45 horas
Ben entrada a tarde, a temperatura sobe no Pazo de Congresos de Compostela. A pesar das negociacións de última hora, a candidatura encabezada por Carlos Aymerich mantivo firme o anuncio de acudir á votación á Executiva. Fronte a esta estará a liderada por Guillerme Vázquez, que integrou finalmente a Máis Alá facéndolle un sitio a Rafa Villar.

 Quenda de intervencións previas á votación da Executiva:  

Rafa Villar: O voceiro de “Máis Alá” sinalou que se integran na candidatura da Alternativa pola Unidade porque están a prol dun BNG plural: “A futura dirección debía ser aberta ás catro sensibilidades”. Acusou directamente á candidatura de Aymerich de impedir o acordo a tres bandas. Reiterou que, a pesar do acordo coa UPG, van seguir a defender os mesmos postulados na Executiva e estes pasan por máis esquerda e máis soberanismo.

Xosé Manuel Beiras: O representante do Encontro acusou tamén ao “quintanismo” de non querer un pacto á Executiva na que colleran todos. “Botáronnos fóra”, berrou Beiras e acto seguido anunciou que non van participar na votación á Executiva e que seguirán defendendo as súas ideas dende o Consello Nacional. Para a Executiva, o Encontro deu liberdade de voto aos seus simpatizante.

Carlos Aymerich: O líder de “Máis BNG” subliñou que “estamos nunha organización frontista pero non aceptamos o frontismo interno. Non pode haber alianzas duns contra outros”. Aymerich sinalou que “non estamos aquí para intercambiar cromos”. Logo, alzando a voz, preguntou retoricamente: Saímos da asemblea de 2006 cun acordo, serviu para algo?”  

Guillerme Vázquez: O candidato da Alternativa pola Unidade laiuose de que non puidese conformarse unha candidatura unitaria á Executiva: “Na práctica excluímos a unha importante minoría do BNG. Propuxemos a integración de todos porque é bo para manter a unidade do BNG e corrixir tamén erros do pasado”.

Consello Nacional: UPG (23); Aymerich (18); “irmandiños” (7); e Máis Alá (2)
(16.20 horas)

Membros do Consello Nacional

 Alternativa pola Unidade:

Guillerme Vázquez; Ana Pontón; Francisco Jorquera; Rosana Pérez Fernández; Manuel Polo Gundín; Manuela García Freire; Alberte Ansede; Paz Abraira; Gonzalo López Pérez; Iolanda Veloso Ríos; Bieito Lobeira; Tareixa Paz; Francisco García; Montserrat Prado; Roberto Vilameá; Milagres Lantes Seara; Francisco Rodríguez; Iria Aboi; Alberte Souto; María Xosé Bravo; Manuel Caride; María dos Anxos Sánchez; e Xosé Ramón Ermida. 

 Máis BNG:

 Carlos Aymerich; Teresa Táboas; Manuel Antelo Pazos; Sandra González; Xosé Manuel Pérez Bouza; Neves Cando López; Xoán Carlos Bascuas Jardón; Dominga Brión; Gonzalo Constenla; María Xosé Méndez Piñeiro; Francisco Xabier Verea Argibay; Ana Luísa Bouza; Iago Tabarés; Belén Pazos; Xosé Luís Barcia; Anxo Quintana; Ana Belén Bande; e Xosé Carballido Presas.

Encontro
Xosé Manuel Beiras; Mónica Díaz Carrodéguas; Xosé Constenla; Lidia Senra; Mario López Rico; Vanesa Garrido Blanco; e Martiño Noriega.

Máis Alá: Rafa Villar e Noa Presas.

Vázquez ve "graves riscos" para o Bloque e Aymerich pide “o voto libre e segredo” (14.48 horas)
Os líderes das catro plataformas que optan ao Consello Nacional xa se dirixiron aos 2.500 delegados. Os candidatos de Alternativa pola Unidade (Guillerme Vázquez) e de “Máis BNG” (Carlos Aymerich), que representan as dúas tendencias maioritarias, foron os últimos en intervir e as súas alocucións foron bo reflexo das diferenzas entre a UPG e o chamado “quintanismo”.

Guillerme Vázquez volveu a reiterar a necesidade dun BNG unido e avogou implicitamente por unha lista de concordia á Executiva. Dirixíndose ao plenario, Vázquez asegurou que o Bloque se atopa nun momento extremadamente complicado: Se saímos desunidos, será o principio do fin do BNG”. O pontevedrés defendeu a necesidade dun xiro á esquerda e na maior presenza social dos nacionalistas.

Carlos Aymerich reiterou que “Máis BNG” vai manter a súa candidatura e non quere “amaños” antes das votacións. O tamén voceiro parlamentario dos nacionalistas pediu unha organización que non mire só cara si e que se abra á sociedade: “Temos que traballar para un país real”. Rematou a súa intervención afirmando que “vós ides decidir, co voso libre e segredo, que BNG vai comezar a andar mañá”.

Antes,  o primeiro en subir ao estrado fora Xosé Manuel Beiras. O líder “irmandiño”, nunha acendida alocución, reiterou a necesidade de “refundar” o BNG e pediu respecto á pluralidade interna. Beiras afirmou que coincidía coa Alternativa pola Unidade (UPG) na necesidade de constituír unha asemblea plural. Nun xogo de palabras que pode ser unha declaración de intencións, subliñou que “non queremos máis BNG, queremos un BNG que siga a súa traxectoria histórica”.  

Pola súa parte, Rafa Villar de "Máis Alá" subliñou a necesidade dun xiro real cara a esquerda e na necesidade de profundizar nunha mensaxe soberanista.

O 78% dos delegados apoian o documento político

Con 1473 votos a favor (78,8%); 205 en contra (10,9%); e 190 abstencións (10,1%) foi aprobado o documento político da Asemblea extraordinaria. Non se aprobou ningunha das emendas que había ao texto.





3.17/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: