Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NOMEAMENTO

O filólogo vigués Anxo Lorenzo será o novo responsábel de Política Lingüística

Redacción - 10:15 14/05/2009
Anxo Lorenzo

Anxo Lorenzo

Núñez Feijoo agochou a baza até o último momento. Mais este xoves o Consello da Xunta desvelou o nome dun dos altos cargos máis agardados: Anxo Lorenzo. Este profesor da Universidade de Vigo será o novo secretario xeral de Política Lingüística. A súa designación, que adianta este xoves El País, causou sorpresa entre os seus propios compañeiros, xa que Lorenzo sempre se moveu na órbita do PSdeG. En 2005, foi o encargado de elaborar o programa lingüístico dos socialistas.

Nacido en Vigo en 1964, é un dos máis destacados especialistas en sociolingüista. O seu nome xa estivo enriba da mesa hai catro anos. Sectores do PSdeG presionaban para que fose o novo secretario xeral de Política Lingüística e os nacionalistas non poñían impedimentos. Porén, a última hora, o propio aparato socialista decidiu descartalo e fichar a Marisol López, profesora da Universidade de Santiago. Aínda así, Lorenzo colaborou puntualmente ao longo da lexislatura coa secretaria xeral.

Máis adiante, especulouse coa posibilidade de que presidise o Consorcio de Planificación Lingüística. Porén, Pérez Touriño sempre mantivo no ar a creación do ente.

Un decreto que queima nas mans
Con esta fichaxe, Feijoo quere tender unha ponte coa oposición en materia de Política Lingüística. Logo dunha inaudita campaña contra os procesos de normalización do galego, o PPdeG sabe que a cuestión lingüística pode ser un auténtico crebacabezas político.

Os conservadores prometeron, en aras da “liberdade de elección”, derrogar un decreto de galeguización do ensino que garante que, polo menos, o 50% das materias se impartan no idioma autóctono. Anxo Lorenzo, que dependerá directamente do conselleiro de Educación, vai ser un dos encargados de afrontar a polémica reforma prometida por Feijoo.

Segundo diversas fontes, Feijoo teríase comprometido con Lorenzo a negociar con socialistas e nacionalistas o novo decreto. Nos plans do novo presidente da Xunta estaría establecer un terzo das materias obrigatoriamente en galego. As restantes impartiríanse en castelán e inglés, con certa marxe de elección para os pais dos alumnos.

Unha Oficina para o Galego Exterior?
Anxo Lorenzo sempre estivo a prol de que a Xunta tivese máis contacto coas comunidades galegofalantes do exterior. Fontes consultadas por Vieiros consideran que o novo secretario xeral de Política Lingüística leva un proxecto debaixo do brazo: unha Oficina para o Galego Exterior. Este organismo encargaríase de contactar con outras comunidades autónomas para ver de establecer mecanismos de protección para o galego que se fala fóra dos límites administrativos de Galiza.


4.2/5 (35 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: