Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Polo abuso no mercado lácteo

Pulso xurídico dos sindicatos agrarios ás cadeas distribuidoras

As tres principais forzas sindicais discrepan sobre as próximas mobilizacións. UUAA e XXAA propoñen adiar as tratoradas.

Redacción - 08:00 15/05/2009

A denuncia das organizacións agrarias ante o Tribunal Galego de Defensa da Competencia inclúe seis cadeas de distribución, dúas delas galegas (Gadisa e Froiz, co 21,8 e o 13,9% de cota de mercado respectivamente), e tamén as foráneas Carrefour, Mercadona, Eroski e Auchan. De paso, presentaron iniciativas similares ante a Comisión Estatal da Competencia, solicitando a investigación destas catro últimas cadeas, e fronte á Dirección Xeral da Competencia da Comisión Europea, solicitando a investigación de Entremont, Alipex e Sodial.

Os servizos xurídicos de Unións Agrarias explicaban este xoves que agardan que, cando menos, no caso do tribunal galego, se solicite a adopción de medidas cautelar que freen a práctica de abuso de posición dominante nun prazo máximo de dous meses. Así, e malia que admiten que as posíbeis sancións e indemnizacións posteriores han chegar tarde, polo menos será posíbel "que cambien esta dinámica e corrixan de inmediato esas prácticas".

Responsábeis de Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores explicaron este xoves que a denuncia contra estas cadeas de distribución faise polo seu "abuso de posición dominante" no mercado lácteo e as prácticas coas que "vulneran as regras da libre transparencia e libre competencia". Diante dos medios, expuxeron que este pulso xurídico ás grandes distribuidoras vaille dar coherencia aos argumentos ofrecidos durante as últimas semanas. Os sindicatos falan de até catro supostos motivos concretos de infracción das normas da competencia e esixen, entre outros, un incremento dos controis nas industrias, da normativa de etiquetado, para coñecer a orixe do leite e non só o lugar de envasado.

Desacordo sobre as mobilizacións
Por outro lado, os secretarios xerais de UUAA e XXAA xustificaban a ausencia do Sindicato Labrego Galego (SLG) nesta conferencia de prensa conxunta na discrepancia sobre a estratexia a aplicar, malia subliñaren que no fondo o obxectivo é común a todas as formacións.

De xeito concreto, admiten que ao respecto da "tratorada" prevista para o día 26 de maio, UUAA e XXAA propoñen deixala para máis adiante á luz da recente xuntanza co presidente da Xunta, onde din ver "avances importantes" que os levan a considerar que a situación "comeza a desbloquearse". "Mentres non se consiga resolver o problema da recuperación de prezos, a tractorada estará enriba da mesa, malia que probablemente haberá que deixala para máis adiante", apuntan.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: