Corenta mil persoas en Santiago, de moi diferentes extraccións e estilos, baixo a chuvia, como para encher dúas quintanas, din moito sobre cal podería chegar a ser o “Prestige de Feijoo”: a lingua. Nun asunto que toca tan de cheo a sensibilidade da xente, é ben distinto o que se ceiba en campaña, para atraer certo voto señorito, do que se fai desde o goberno.
De feito o nomeamento do filólogo Anxo Lorenzo como novo responsable de Política Lingüística é unha boa nova para o galego, dados os tempos que corren, por máis que haxa quen manteña, por riba de todo, unha actitude “fundamentalmente” partidaria e non poida aceptar nada positivo –ou sequera “non tan negativo”- procedente do novo goberno da Xunta. Non hai que perder de vista que a reacción máis virulenta contra tal nomeamento provén da asociación chamada Galicia Bilingüe, que como é sabido, defende o monolingüísmo.
Lorenzo é un lingüista de fóra do ámbito do PP, independente, universitario, de prestixio, ao que toca agora un labor realmente complicado. Alguén que disque condicionou a aceptación desa responsabilidade a poder desenvolver con liberdade unha política lingüística sen interferencia política. Como conciliar unha pretendida liberdade individual dos alumnos para usar o idioma que queiran en cada momento, coa necesaria disciplina que implica a aprendizaxe efectiva das linguas, será a cuadratura do círculo á que asistiremos expectantes. En principio a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística valora positivamente o nomeamento e lembra que Lorenzo participou decisivamente na redacción do noutrora consensuado Plan xeral de Normalización da lingua galega.
A noticia ten, porén, outra lectura menos positiva. Para a cidadanía de boa fe –que aínda a hai- resulta bastante indigno o uso electoralista de certos temas. Montar innecesariamente na besta brava dese discurso odioso contra o galego, dar azos a un sector ultramontano da españolidade máis uniformista –que agora pasa factura- ...para volver agora á inevitable cordura e sentidiño, non fai senón desacreditar a práctica da actividade política. Ese descrédito, esa falta de límites, ese manipulalo todo –mesmo ese marabilloso patrimonio común que é o idioma desta terra-, fíxonos e fainos a todos e todas un mal de difícil reparación.