Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Valoran como "insatisfactoria" a entrevista

A CIG-Ensino denuncia que o conselleiro de Educación “só se limita a tomar nota”

A central sindical trasladoulle a Xesús Vázquez as súas demandas, e pediulle que non ignore a "histórica" manifestación que demandou na rúa a continuidade do decreto do galego.

Redacción - 14:48 18/05/2009
Imaxe da xuntanza

Imaxe da xuntanza

Esta terza feira o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, acompañado dos membros da Executiva Xosé Lois Rivera e Marta Dacosta, entrevistáronse co conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, o secretario xeral da Consellaría, José Luís Vázquez e o director xeral de Recursos Humanos, José Manuel Pinal, para trasladarlles as demandas dos traballadores galegos.

Porén, ao terminar a xuntanza, os responsábeis do sindicato describírona como "totalmente insatisfactoria e preocupante", xa que Vázquez volveu reafirmar a súa "posición unilateral de derrogación do Decreto 124/127", polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo.

"Non imos aceptar este retroceso evidente"
Dende a central sindical denuncian que o conselleiro obviase a "histórica manifestación" deste domingo, e ven como "extremadamente preocupante" que o noso idioma teña, a partir do curso 2010-2011 -segundo sinalou Xesús Vázquez-, "unha presenza mínima no ensino", xusto neste momento, sinalan, "no que o sistema educativo se caracteriza pola súa desgaleguización", e no que o "único alumnado que acada a competencia na nosa lingua" é o propio alumnado galegofalante. Nesta liña sinalan que a derrogación do decreto "vai ser un elemento de conflito" permanente entre a CIG-Ensino e a Xunta, xa que, segundo din, non van "aceptar este retroceso evidente".

Necesidade dunha Mesa Sectorial eficaz
Na entrevista os responsábeis da central sindical tamén lle trasladaron ao conselleiro de Educación outras demandas dos mestres galegos, como que a Mesa Sectorial funcione "como o órgano de negociación que é", xa que, segundo a CIG, non está a darlle respostas ás propostas do profesorado "amparándose" a consellaría en que aínda están tomando contacto", e que moitas das propostas "teñen carácter orzamentario". Nesta liña, dende a CIG tamén criticaron a redución dos orzamentos dedicados á educación.

Por unha educación pública e de calidade
Tamén lle trasladaron a Vázquez algunhas interrogacións para que este respondese, como a súa postura sobre a concesión de concerto aos centros privados que segregan o alumnado en función do sexo. Porén, estas non foron respondidas, e dende Educación sinalaron que están a agardar polo ditame da Asesoría Xurídica para reaxir neste eido.

A CIG-Ensino tamén lle trasladou a Vázquez unha serie de cuestións demandadas polo profesorado, como a mellora da gratificación por xubilación anticipada; a dotación de administrativos nos centros; a redución de rateos; a regulación da redución horaria de maiores de 55 anos; outras medidas que redunden na calidade do ensino público e na mellora da atención ao alumnado; e a necesidade de elaborar unha Lei do sistema educativo galego; a Lei do sistema Universitario Galego; e revisar o Plan de financiamento das Universidades, entre outras cousas. Neste sentido, volveron apelar á necesidade de traballar na liña do desenvolvemento dunha educación pública de calidade.

Porén, como conclusión, nun seu comunicado dende a CIG-Ensino denuncian que o conselleiro Vázquez só se limitou a "tomar nota", sen informar os sindicalistas "de cales van ser as liñas de actuación da Consellaría", a excepción da "lamentábel firmeza" na derrogación do Decreto.


4.69/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: