Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
VALORAN AS PRIMEIRAS DECLARACIÓNS DE ANXO LORENZO

A oposición denuncia o "apartheid lingüístico"

Xaquín Fernández Leiceaga e Guillerme Vázquez acusan á Xunta de propiciar a división e pídenlle que regrese ao consenso.

Redacción - 19:00 19/05/2009

Os dous grupos que compoñen a oposición ao PP no Parlamento valoraron este martes as declaracións realizadas onte polo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, nas que anticiparon as liñas xerais da Xunta para a lingua. Socialistas e nacionalistas foron moi críticos e acusaron á Xunta de dividir á sociedade galega e tanto Xaquín Fernández Leiceaga coma Guillerme Vázquez empregaron o termo de "apartheid lingüístico" para referirse aos plans anunciados polo PP.

O portavoz nacional do BNG lamentou que a Xunta responda á manifestación en defensa do idioma do 17 de maio coa "segregación" do alumnado segundo o seu idioma en "apartheids lingüísticos" e a "vía da prepotencia" co anuncio da derrogación do actual decreto do galego. Vázquez avogou por "recuperar o consenso que rompeu o PP antes e despois" do 1 de marzo e recomendoulle á Xunta que "non se pode facer unha política baseada nos sectores máis extremistas do electorado" xa que "existen votantes do PPdeG que si queren" o galego. Sobre o nomeamento de Anxo Lorenzo, o líder dos nacionalistas dixo que "evidencia unha imposición con vaselina" do novo decreto que proxecta o PP; porén, Vázquez afirmou que "o problema non é a persoa que se pon no mando, senón a política que desenvolve".

De igual xeito, a portavoz de Educación do Grupo Parlamentario do BNG, Carme Adán, instou ao PP a "aclarar" cal é o seu modelo educativo e expresou o seu "profundo rexeitamento" á posibilidade de segregar aos alumnos en función do idioma, unha actuación que cualificou de "aberración pedagóxica". A través dun comunicado, a deputada nacionalista criticou ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, por deixar sobre a mesa "esta posibilidade", formulada logo de "meses" nos que, ao seu xuízo, os populares evidenciaron que "carecen" de modelo educativo así como dunha "solución" para un conflito lingüístico "inexistente", creado "artificiosamente" por sectores "próximos" á nova Xunta.

PSdeG-PSOE: "vender o consenso por unha presa de votos"
Pola súa banda, o Grupo Parlamentario socialista denunciou que a Xunta pretende executar un "apartheid lingüístico" e acusou ao PPdeG de "vender o consenso" en cuestión de lingua por "unha presa de votos". Xaquín Fernández Leiceaga criticou que o Goberno "presente cada día unha nova iniciativa de división". "Pretende un apartheid lingüístico, que daría lugar á creación de dúas sociedades a escala social e económica", denunciou Leiceaga, quen subliñou a "falta de compromiso coa realidade" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Pola súa banda, o portavoz do grupo en materia educativa, Guillermo Meijón, reprobou a "frivolidade política" de Feijóo e do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, por afirmar que "cumprirían coa legalidade", xa que considerou innecesaria esa "aclaración". Do mesmo xeito, censurou que as primeiras medidas anunciadas polo Executivo demostran que "non tiña folla de ruta" para este ámbito.

O STEG, tamén en contra

Economicamente inviábel, lexislativamente imposíbel, politicamente inadmisíbel e pedagoxicamente aberrante. Estes son os cualificativos que adica o Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) á posibilidade de introducir un modelo de segregación por ración de lingua nos colexios. Así, recordan nun comunicado que "a escola é o instrumento imprescindíbel para que toda a poboación galega teña a competencia necesaria na nosa lingua" e considera que unha decisión coma esta promovería "o analfabetismo lingüístico, o que entendemos que non é función da escola".

Sobre o procedemento de consulta aos pais adiantado por Xesús Vázquez, STEG responde que "non ten sentido unha enquisa que pretende a falaz idea da liberdade de elección de nais e pais cando o pretendido é aproveitarse da desvalorización social da lingua galega para logo xustificar políticas regresivas". Ao tempo, recordan que o dereito ao coñecemento (sexa de linguas ou doutro tipo de contidos) "é unha decisión do conxunto da sociedade e non dun grupo social concreto no que tamén podemos incluír á familia".


4,83/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: