Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cancelas ao traballo xornalístico

Unha vez máis a información electoral "non será libre" nos medios públicos

O Colexio Profesional de Xornalistas asina con outros colectivos un manifesto onde critica a imposición nos medios de bloques electorais "cronometrados".

Redacción - 12:30 21/05/2009

Obrígase os medios públicos a emitir propaganda electoral encuberta "coma se fose información". Así o denunciaron este mércores o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), Xosé Manuel Pereiro, o decano do Col·legi de Periodistes de Catalunya, Josep Carles Rius, e o presidente da Asociación de la Prensa de Madrid, Fernando González Urbaneja. Nun acto conxunto, aproveitaron a proximidade das eleccións ao Parlamento Europeo, fixadas para o próximo 7 de xuño, para denunciar "por enésima vez" a vulneración da liberdade informativa que en tempo electoral acontece nos medios públicos.

Bloques electorais taxados e cronometrados, información cociñada que proporcionan os partidos políticos, conferencias de prensa nas que non se admiten preguntas... son algúns dos exemplos expostos polos representantes do colectivo xornalístico. "Isto vulnera a liberdade de expresión e o xornalismo", criticou Rius. Na mesma liña, o decano do CPXG censurou que, con estas imposicións, os cidadáns son os principais prexudicados "ao ver substituído o seu dereito á información por videoclips de partidos".

"Non se pode tolerar que sexa a Xunta Electoral Central a que decida o tempo que os medios públicos deben outorgar aos partidos políticos en períodos electorais, mediante os chamados bloques electorais", denuncian. Os colectivos xornalísticos agardan que o Tribunal Supremo resolva este escenario o vindeiro mes de outubro, coa sentenza que debe ditar ao respecto da denuncia realizada sobre esta situación.


4.43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: