Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Europeas 2009

RSS de Europeas 2009
Resposta ao BNG no Congreso

Zapatero rexeita avanzar cara ao modelo alemán ou belga para darlle voz a Galiza na UE

O voceiro do Bloque puxera o exemplo destes estados para a petición de voz ás comunidades autónomas en asuntos de competencia exclusiva.

Redacción - 11:45 27/05/2009

"Non é lóxico que Galiza, que ten as competencias, non poida sentar na mesa de negociación", laiouse o voceiro do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, ao respecto da pesca, a reforma da Política Agraria Común e a revisión da política de cotas no sector lácteo. "É preciso seguir a regular os dereitos de produción", subliñou ao fío da actualidade, indicando que "non é lóxico que os gandeiros galegos tiveran que se endebedar para adquirir cota e estar en condicións de competir para que a metade de partido muden as regras de xogo". O deputado do BNG cualificou de "inxusto" que a cota asignada ao Estado Español sexa "moi inferior ao seu consumo interno" mentres que con outros Estados ocorre "todo o contrario".

Neste escenario, o representante do Bloque preguntoulle ao presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, sobre a posibilidade de participación directa das comunidades autónomas nas institucións da Unión Europea "cando se traten asuntos que afectan ás súas competencias". Na opinión dos nacionalistas galegos sería bo que "as comunidades autónomas poidan negociar directamente en Bruxelas os asuntos relativos ás súas competencias exclusivas como é o caso do agro ou a pesca para Galiza".

Exemplos de Alemaña e Bélxica
Na súa exposición de argumentos, Francisco Jorquera referiuse aos mecanismos de participación estabelecidos noutros Estados europeos, caso de Alemaña, onde os länder participan a través do Bundesrat. "Cando os asuntos da UE afectan ás competencias exclusivas dos länder, a posición expresada polo Bundesrat é determinante, e incluso a representación de Alemaña pode recaer nun membro dun goberno rexional", precisou. Doutra banda, referiuse ao caso de Bélxica, "onde as rexións teñen a posibilidade de representar e comprometer co seu voto ao Estado belga".

Zapatero remítese ao modelo actual
En resposta á demanda, o presidente do goberno español achegou datos relativos aos últimos catro anos, asegurando que as comunidades autónomas tiveron a oportunidade de participar "até en 126 ocasións".

Trátase en todo caso, tal e como explicou Rodríguez Zapatero, dun modelo de participación indirecto, onde os gobernos autonómicos son convidados a concertaren as súas posicións co Estado. Malia que concedeu que no futuro se puidesen "explorar novas vías", insistiu Zapatero en que este "é o modelo a seguir". Segundo o sistema actual, explicou o presidente do goberno estatal, as comunidades autónomas poden contar cun representante nas xuntas preparatorias dun Consello Europeo e na propia delegación do goberno español. "Un representante que o fai en nome de todas as comunidades autónomas e expresa unha posición común", afirmou.


3.57/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: