Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Europeas 2009

RSS de Europeas 2009
Eleccións Europeas

"A axenda do BNG márcase en Galiza", defende Ana Miranda

A cabeza de lista do Bloque nestes comicios insiste en que a súa formación estará en Bruxelas coa súa "propia voz".

Redacción - 10:00 31/05/2009

"Se non está o BNG non está Galiza", afirmou a número un do Bloque nesta cita coas urnas. Ana Miranda, que este sábado participou en actos políticos en Carballo, Vigo e Tomiño, advertiu de que o PSOE "está votando en Bruxelas igual que o PP, apoiando a Durão Barroso", en referencia ao conservador portugués que presidente actualmente a Comisión Europea e se candidata a continuar no cargo. "Estar co BNG é dicir un si a Galiza", teimou Miranda.

A nacionalista ironizou coa lea que enfronta a PP e PSOE "sobre quen viaxa en avión ou a quen lle dan traxes gratis", acusándoos de demostraren así "a súa invalidez política". Contrapuxo Ana Miranda esa pelexa á actitude do BNG. "Nós viaxamos en coche pagando cos nosos cartos, por estas autoestradas galegas que non están libres de peaxe, como a AG55", defendeu. Avisou Miranda de que "nin os eurodeputados do PP nin os do PSOE van votar en Bruxelas en contra das propostas que lles veñen marcadas desde Madrid". "Nós marcamos a nosa axenda desde Galiza", indicou ao respecto do BNG.

A número un do Bloque para a Eurocámara tamén explicou que a lingua galega "ten que ter os mesmos dereitos que o resto das linguas europeas". Recordou a existencia de 23 linguas oficiais no Parlamento Europeo e outras, como o galego, "que se poden utilizar na súa variante portuguesa". Acusou a PP e PSOE de seren "cómplices para que o galego non sexa lingua oficial na Eurocámara" e lembrou que, malia isto, o BNG ten utilizado a nosa lingua neste foro, "ao contrario da actuación de outros parlamentares galegos do PP e do PSOE".

"Regras iguais para todos nunha Europa que nos permita producir", defende Vázquez
Pola súa banda, o voceiro nacional do BNG chamou a "levantar as bandeiras da xornada laboral de oito horas, de a igual traballo, igual salario, as bandeiras dos dereitos dos traballadores e dos pobos fronte a un Mayor Oreja que se aliña coa á máis dura da Igrexa". "Só queremos unha sociedade libre e non ayatólica", asegurou en referencia aos ataques ao aborto do candidato do PP.

Vázquez reclamou na súa intervención "un novo modelo de Europa no que non teñan cabida as normas aprobadas por PP e PSOE que son as que nos impiden producir". "Nós só queremos regras iguais, as mesmas condicións que nos permitan producir", pediu. "Temos dereito a buscar un modelo económico que cree traballo", teimou o líder do BNG, ao tempo que se preguntou "por que temos que dar por bo un modelo que avanza na restrición dos dereitos sociais e dos traballadores?"


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: