Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Europeas 2009

RSS de Europeas 2009
Eleccións Europeas

"As enquisas din unha soa cousa: que se traballamos, gañamos", anima Rubalcaba o PSdeG

"Hai que substituír o guindastre polo computador e o ladrillo pola escola", subliñou o dirixente socialista e ministro de Interior durante a súa intervención na Coruña.

Redacción - 09:00 02/06/2009

Ironizou este luns o socialista Alfredo Pérez Rubalcaba sobre as afirmacións do ex presidente do goberno español José María Aznar, nas que este aseguraba ter solucións para resolver a crise. "Por iso tivemos problemas nos aeroportos porque chegaban economistas de todo o mundo para escoitalo", chanceou.

Na súa intervención, sostivo que nestas eleccións estase discutindo "a posición" que levará Europa nos próximos anos, a referirse á política económica que defende a dereita e a que preconiza a esquerda e incidiu na necesidade de aproveitar esta crise para cambiar o modelo produtivo no Estado.



"Hai que substituír a grúa polo ordenador e o ladrillo pola escola", remarcou Rubalcaba, quen apostou por regular o sistema financeiro. "Á dereita gústalle regular a nosa vida e con quen durmimos, pero non lle gusta que regulemos os seus negocios, esa é a diferenza entre uns e outros", insistiu no seu discurso ante militantes e simpatizantes socialistas nun mitin no que arroupu o candidato do PSdeG, Antolín Sánchez Presedo.

Acusa o PP de servirse da crise
Asegurou Rubalcaba que ao presidente do PP, Mariano Rajoy, só lle interesa da crise "servirse dela" e acusouno de carecer de propostas á marxe "do recorte dos dereitos dos traballadores". Fronte a iso, afirmou que o goberno español afrontará esta crise mantendo o investimento público, os dereitos dos traballadores e as políticas sociais.



Engadiu o dirixente socialista que o executivo estatal buscará o "consenso" para levar a cabo as súas propostas. Un consenso que, segundo dixo, será "cos traballadores e as empresas, cos concellos e as comunidades autónomas e tamén, se quere, co PP", apuntou. Pola contra, acusou os populares de carecer de propostas e de aproveitar a crise para formular "o recorte de dereitos" e mostrouse convencido de que, fronte a esta política, nas eleccións europeas do próximo 7 de xuño gañará o proxecto socialista. "As enquisas din unha soa cousa: que se traballamos, gañamos", afirmou.



Rubalcaba centrou parte do seu discurso en contrapoñer a política da dereita fronte a a da esquerda e así afirmou "que esta crise é máis do modelo de Bush ou Aznar que do modelo de Obama ou Zapatero", ao tempo que a cualificou como a "crise do egoísmo, de quen roubou e malversou,", engadiu. Ademais, insistiu en que "todo mundo, menos Rajoy acepta que é unha crise mundial". "Quere valerse da crise porque para el é unha oportunidade para facer dano ao goberno español", asegurou o ministro do Interior, quen admitiu que o Goberno se equivocou nas súas previsións económicas, "pero equivocámonos todos, a OCDE, o FMI, o Banco Mundial e ata o PP que agora esconde o seu programa electoral".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: