ostresdoeixo

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Queixa d'A Mesa

A "única administración do mundo" onde empregados descoñecerán a lingua oficial

A Mesa pola Normalización Lingüística cualifica de imposición "prepotente" do PP a modificación da Lei de función pública.

Redacción - 10:45 10/06/2009
Carlos Callón

Carlos Callón

"Hai que ser moi cínicos para afirmar, como fai o PP, que esta modificación da Lei de función pública garante a liberdade lingüística e o bilingüismo cordial", laiábase este martes Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. Recordou Callón o "amplísimo consenso roto unilateralmente polo PP", e insistiu en que o persoal ao servizo do Goberno ten que saber galego e castelán, "mentres que o PP quere abrir as portas para que non teñan que saber o galego".

"Nós defendemos que o funcionariado teña que saber galego e castelán, o PP quere que só teñan que saber castelán. Onde está o bilingüismo? Onde está a cooficialidade? Onde está a liberdade?", preguntou. "O que pretende facer o PP é converter a quen fala en galego nun cidadán ou unha cidadá de segunda", reprochou Callón.

A Mesa acusa o PPdeG de converter a Xunta na "única administración do mundo" na que o funcionariado "non teña que coñecer as linguas oficiais", ante a modificación da Lei de función pública por parte do Executivo para permitir que os opositores escollan a lingua na que realizar as probas. Defende o colectivo que o galego, ao igual que o castelán, "é un requisito de capacidade" e "non chega con ter un título para eximir de realizar probas específicas para a súa comprobación". "Ter a licenciatura de Dereito non eximiría de examinarse da parte xurídica do temario das oposicións", argumentan a modo de exemplo. Deste xeito, piden que se requira "cando menos" unha proba en galego como "o mínimo que se pode reclamar".


4,6/5 (10 votos)


Comentarios (14)

arzaya #1 10/Xuño/2009 arzaya
[Valora este comentario Positivo +5 Negativo]

Non sei se ten sentido dedicarlle un minuto máis a estes temas. Enfrontánomos a unha minoría enferma que solivianta a unha maioría disposta ao suicidio cultural. Hoxe en "La Voz" a Dr. Gloria Lago atribúe a oposición ás súas ideas e a explicación das pintadas e ameazas que recibiu "ao diñeiro". Sexamos obxectivos..iso só o pode dicir unha persoa enferma de odio, unha persoa fora da realidade de Galicia , ou un tolo

"Por qué cree que hay tanta crispación últimamente?
-Por dinero. Al principio yo pensaba que era una cuestión romántica. Pero he llegado a la conclusión de que hay mucha gente que vive de la lengua (SIC)"

baltar69 #2 10/Xuño/2009 baltar69
[Valora este comentario Positivo -3 Negativo]

eu asegúrovos que son galego e nin estou enfermo de odio nin de outra cousa pero neste caso teño que darlle algo de razón a gloria lago. hai toda unha curia funcionarial tirando do cotarro lingüistico ( a lista é de vieiros ): CIG · CCOO · CSI-CSIF · FETE-UGT · STEG · CAE · ASPG · Nova Escola Galega · Asociación de Directores e Directivos de IES de Galicia · Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra · Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística · A Mesa pola Normalización Lingüística..., a industria editorial subvencionada ( coño, que louzán se negue a pagar con diñeiros públicos fondos editoriais inútiles da deputación até pode ser unha medida revolucionaria, que o ía decir de tal persoaxe? ), os padroados e un sinfín de figuras intelectuais que arrepañan con todo en fastos e poltronas. quere decirme o lector que non son todos unha vergoñenta piara de chupópteros, aplaudindo o político de turno mentras manteñen a raia a súa nómina?
pero claro, quen carallo ten peito para meterse con este lobby? quen lle pide contas a freixanes ou a manolo bragado? era boa...
todo o que se gasta en cultura ou en santificar " o publico " parece que non admite crítica. é coma unha nova relixión, donde en vez de doce apóstolos á mesa póñense barreiro, vilares, os sindicatos e os mencionados antes e hai que dala por calada, por que si non eres un facha, un parvo ou un resentido.
pero eu dígovos que non, amiguiños. non.
da mesma forma que os que estiveron no goberno bipartito quentando cátedra son os responsabeis da imparable debacle do benegá, os sindicatos e funcionarios da sanidade e educación públicas son os responsabeis da súa paulatina decrepitude e do séu anquilosamento. e, por ende, os que dín traballar pola cultura galega e polo idioma son os que están a machacalo, eso sí, ca inestimable axuda da señora lago e a sua cuadrilla.
o idioma, o galego, e a nación galega están perfectamente vivos. son, existen. soio unha aberración pode polos en dúbida. non precisamos defensores que os apupen con cargo o presuposto. e o coñecemento da língoa ( o bó coñecemento da mesma ) non pode valorizarse como un coñecemento técnico ou unha licenciatura para un posto na función pública. os que apoian eso soio están buscando buratos administrativos para enchufar a mediocres. non me veñan co conto que o médico ten que falar galego o paciente: o médico ten que entendelo cliente e viceversa, pero é máis importante que o galeno cure o doente que o código que use.
vaia tamén por diante que todo este debate para mín xa vai errado de entrada: estou completamente en contra do actual sistema administrativo e entendo que o rexime funcionarial é unha auténtica rémora para o desenrolo do noso país, pero eso xa é outra historia.

Celso #3 10/Xuño/2009 Celso
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

A MNL, abandeirada do bilinguismo? Pensei que era pola "Normalización Lingüística", o qual deveria significar: "Nós defendemos que o galego seja a língua socialmente hegemónica, e, portanto, hegemónica nas administraçöes públicas".

O dito noutras ocasiöes: que o bilinguismo españolista está a marcar a agenda do discurso. Agora trata-se de ser mais bilinguista que o papa. Entäo já se reclamam máximos e "mínimos", e a Xunta (7.000 votos demais, lembremos), contente porque pode negociar. Exatamente como com as "percentagens de 'normalización'" no ensino.

Mas temo-me que näo se apanhe muito bem o sem-sentido de uma organizaçäo pola normalizaçäo reclamar a competência bilingue. Como o outro sem-sentido de que os bilinguistas españolistas NÄO reclamem um exame de competência em español para a funçäo pública ;-) .

Sbwriel #4 10/Xuño/2009 Sbwriel
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

So por desdecir ao Sr Callon. Eu son empregado da administrazom Galesa e na minha equipa nom ha nenhuma pessoa que fale a lingua cooficial.

beto #5 10/Xuño/2009 beto
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

#2 Vostede pode dicir que non despreza o galego e eu podo dicir que non me afecta ao peto o que se faga ou se deixe de facer coa lingua: aféctame no corazón.

Un dato: invírtese 200 veces máis en promociona-lo castelán que en promociona-lo galego, e unha lectura: http://www.laopinioncoruna.es/...

Xos #6 10/Xuño/2009 Xos
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

#Cando vostede teña aportado a quinta parte do que Manolo Bragado e Víctor Freixanes á cultura galega, e sobre todo, á creación de editorias en galego que dan beneficios económicos e crean unha industria do libro, repito, cando teña vostede aportado esa quinta parte do que eles, pode empezar a pedirlle contas, mentres tanto, mellor non diga parvadas

Xos #7 10/Xuño/2009 Xos
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

#O anterior comentario ía dirixido #2, baltar69

acarondosil #8 10/Xuño/2009 acarondosil
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

#2baltar69:

Claro que pensamos que o galego está vivo, por iso loitamos para que non o maten. Os que pensan, ou queren, que estea morto sonche outros.

Está vivo, pero sen esa curia funcionarial que tira do cotarro, poida que non che estivese tan vivo.

baltar69 #9 10/Xuño/2009 baltar69
[Valora este comentario Positivo -3 Negativo]

equivócase, sr. xos: eu, como cidadán, podo interesarme polas contas públicas adicadas á industria cultural xa agora mesmo, sen necesidade de acreditar esa quinta parte de contribucións en forma de estudo do carlismo en galicia ou de situar triángulos dentro de circunferencias que me esixe.

verino #10 10/Xuño/2009 verino
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Ondià, Baltar facendo un 69, ten que ser a repera.

Sbwriel #11 10/Xuño/2009 Sbwriel
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Que alguem do PP tenha o rostro insultar a alguem mais chamandolhes: 'vergoñenta piara de chupópteros, aplaudindo o político de turno mentras manteñen a raia a súa nómina' e de umha falta de contacto coa a realidade que nom sei se rir ou chorar... Saia a rua Sr Baltar. Trabalhe e deixese de tanto opinar!

Ama #12 11/Xuño/2009 Ama
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

felicitar a arzaya, polo seu comentario, dicir que GB, tamén vive da lingua, a sua razón de ser é esta, vivir da lingua! vai ser e Gloria Lago, o PP non van sacan un beneficio de todo isto?
Vai GB renunciar a todo tipo de subvención e axudas, vai o PP desproveitar a ocasión de darlles cartos públicos, carto, que a sua ver repercutiran nas arcas do PP. non vai o PP e GB promocionar amigos e pagar favores politicos?, non é GB un instrumento político?
La Voz, El Faro de Vigo, non editan en castelán porque venden mais que editando en galego?
A grandes editorias non prefiren promocionar o castelán por lle é mais barato editar en castelán que pagar por unha traducción, e asi aforras una edición en galego?
Si se mira dende a óptica mercantilista sempre para as grandes empresas editoriais será mellor en castelán que en galego, mais marxen para o beneficio, mais mercado.
Por contra un pais que fale galego, e pense en galego, necesitará é pedirá productos en galego: tv en galego , radio en galego, xornais en galego, cine en galego, polo que o gran capital non lle interesa.
Polo que cando se fale da lingua, ai que ter moi claro, que intereses se están a defender, si son interes ecónomicos ou de identidade.
Porque un pobo, ou "País" que perde a sua lingua , "que o signo de identidade mais intimo que unha persoa pode ter", é menos pobo, menos pais.
Usar o galego en todas as facetas da vida, fai que pensemos en galego, e sintamos en galego, é nos sintamos orgullosos de seres galegos e que nos queramos mais como pobo e Pais.
Iso as grandes empresas e o Gobreno de Españas non lles interesa, xa sabedes, menos xornais que vender, menos libros, menos Tv, menos, radio, menos poder, menos cartos.
xa sabedes, "¡por el interes te quiero Andres!"

luaminguante #13 11/Xuño/2009 luaminguante
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

pois agora é cando non podemos deixar pasar nen unha na administración,e esixir todas e cada unha das veces,que nos atendan como merecemos,é dicir en galego,e sen ter que esperar máis que os demais, mentras buscan a alguén que fale galego;esto o digo porque segúndo Galicia Biperina,é suficiente con que na administración haxa alguén que saiba galego para cando alguén o demande

beto #14 11/Xuño/2009 beto
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

#9 dáme vostede algo de medo cando se centra tanto nunhas hipotéticas subvencións á cultura galega (inmaterial e colectiva) e se despreocupa das subvencións a medios de comunicación privados, dependentes e con ánimo de lucro.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: