Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
FORZA EÓLICA NAS CAPAS MÁIS ELEVADAS DA ATMOSFERA

Coller a enerxía máis alta con papaventos

Segundo dous investigadores, a forza do vento a grande altura produce enerxía como para abastecer toda a civilización.

Redacción - 17:25 16/06/2009

Utilizando os datos que durante 28 anos recollera o estadunidense Centro Nacional para a Predición Ecolóxica e o Departamento de Enerxía de ese país, os investigadores Ken Caldeira da Carnegie Institution e Christina Archer da Universidade Estatal da California desenvolveron o primeiro estudo sobre a enerxía eólica producida nas máis altas capas da atmosfera. Tras as súas investigacións afirman que o leste dos Estados Unidos e de Asia son as zonas con maior potencial enerxético, aínda que explicaron que o carácter flutuante das correntes aínda representa un "desafío" para a súa explotación a grande escala.

Con todo, Archer salienta que "para cidades afectadas polas correntes de chorro polares, como Toquio, Seúl ou Nova York", os recursos a esas alturas son "fenomenais". "Nova York ten unha media de enerxía eólica a grandes altitudes maior do que calquera outra cidade nos Estados Unidos, chegando a 16 quilovatios por metro cadrado".

Os investigadores encontraron nestas altitudes niveis de enerxía que superan de media os 10 quilovatios por metro cadrado, algo que non é posíbel cerca do chan, onde a mellor media anda á volta do quilovatio por metro cadrado. As zonas nas que a enerxía rexistrada foi maior foi sobre Xapón e a China Oriental, a costa leste dos Estados Unidos, o sur de Australia e o nordeste africano.

Para poder aproveitar este potencial enerxético, téñense estudado e proposto numerosas tecnoloxías. Unha delas consistiría en turbinas con forma de papaventos, ancoradas na terra, que voarían a entre seis mil e 15 mil metros do chan, e que puideran transmitir até 40 megavatios de electricidade por medio de cabos.

Mais a estas tecnoloxías aínda lles queda moito para desenvolverse de maneira rendíbel para a súa explotación a grande escala. Como explica o investigador de orixe portuguesa Ken Caldeira, "aínda que hai suficiente enerxía nesas alturas como para abastecer a toda a civilización moderna, en calquera lugar sempre hai momentos nos que non corre o vento". Nos mellores casos, un cinco por cento das veces a forza do vento podería caer. "Isto significa que necesitas almacenar grandes cantidades de enerxía de reserva ou desenvolver unha rede continental, ou mesmo global, que asegure a dispoñibilidade de enerxía. Daquela, cando se probe definitivamente a forza do vento nestas altitudes como unha fonte maior de enerxía, precisará unha infraestrutura considerábel", matiza Caldeira.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: