Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NO SENADO

O PP defende a supresión do imposto por mercar iates

A oposición considera a moción insolidaria e inmoral e os populares defenden que así se aliviaría a situación dun sector que ofrece moito emprego.

Redacción - 19:30 18/06/2009
O PP lamenta que a caída de vendas de iates ascendeu até un 50%

O PP lamenta que a caída de vendas de iates ascendeu até un 50%

O Grupo Popular defendeu este xoves na Comisión de Economía e Facenda do Senado unha moción para suprimir o imposto de matriculación na adquisición de embarcacións de recreo. Miguel Pérez de Juan, senador ourensán, foi o encargado de defender a moción, na que denunciaba o tratamento impositivo estabelecido no Estado español para a adquisición de iates, xa que é un dos máis gravosos de Europa.

Críticas da oposición
O PSOE adiantouse a censurar esta medida, que cualificou como "inmoral, insolidaria e inoportuna". Na opinión de Ángel Lacueva, senador do Grupo Socialista, esta moción, que foi rexeitada, chega nun momento no que "moitos españois o están a pasar mal" e acusou aos populares de pretender "rebaixar os seus impostos precisamente a aqueles que máis teñen".

Na mesma liña se manifestou Judit Alberich, voceira de Entesa Catalana del Progrés, quen cualificou de "vergoñenta" esta moción e subliñou que "as axudas non deben ser para os ricos que poden mercar un iate, senón para os que queren mercar un coche porque o precisan para traballar". "Esta proposta", dixo, "despexa as dúbidas da cara máis elitista do PP".

Para impulsar o sector
Pola súa parte, o PP lamentou a oposición que atopou á súa moción e recordou que no Estado Español se paga unha taxa impositiva do 28% pola compra de embarcacións de recreo, cando en países como Francia ou Italia non superan o 20%. "Estas diferenzas nas cargas fiscais dificulta enormemente o desenvolvemento do sector náutico español", asegurou Pérez de Juan.

Así, recordou que no último ano a caída de vendas de iates foi do 50%, mentres que en outros países "grazas ás medidas tomadas a tempo" se están a acadar resultados moi positivos. O senador popular reiterou que, de tomarse unha medida como a proposta, se "aliviaría a crítica situación dun sector que dá emprego a 115 mil persoas".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: