Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Debate parlamentario

O PP rexeita a proposta de exención de taxas universitarias a fillos de parados

O PSOE propuxera suprimir esa carga para as familias que sofren desemprego. O BNG suxerira ampliala a fillos de autónomos e outros traballadores.

Redacción - 19:50 24/06/2009
Concepción Burgo, voceira parlamentar do PSdeG en materia de Cultura e Universidade

Concepción Burgo, voceira parlamentar do PSdeG en materia de Cultura e Universidade

O grupo parlamentario do PsdeG-PSOE levara este mércores ao Parlamento unha proposición en favor da eliminación das taxas universitarias a todos os estudantes con pai e nai en desemprego. Unha iniciativa que entenden os socialistas é necesaria para garantir o acceso á formación universitaria en igualdade de condicións. Pedían ao respecto que se estabelecesen os mecanismos necesarios para que a exención de taxas fose de aplicación xa no curso 2009-2010.

O rexeitamento dos deputados do PP desta iniciativa foi duramente criticada pola voceira do PSOE en materia de Educación, Concepción Burgo. "Non queren que os fillos dos parados estuden, non lles preocupan os problemas dos cidadáns e dos traballadores que non crearon a crise", censurou Burgo, afirmando que aos populares "o único que lles importa é a subvencións para os fillos que estudan na privada".

O BNG propón ir "máis alá", o PP remítese a Zapatero

A iniciativa fora tamén apoiada polo BNG que, de feito, propoñía "ir máis alá". Defendían os nacionalistas que a proposta resolvería apenas "parte do problema" e euxerían por iso estendela a "casos especiais" como o dos autónomos ou fillos de traballadores do rural que fican fóra das axudas malia teren necesidade similar. O voceiro parlamentar do Bloque, Carlos Aymerich, explicou que a vía recomendábel sería "estender o sistema de bolsas e adecualo á realidade galega, sendo xestionado pola Xunta e cun obxectivo ambicioso" elevando até un 33% os estudantes beneficiarios de bolsas de axuda e até o 50% (agora é un 17) os estudantes exonerados de pagar taxas por razón de renda". Na opinión de Aymerich as taxas semellan estar converténdose en "vía de privatización" do sistema universitario cando, recorda o deputado do Bloque, "o groso do financiamento debe vir dos orzamentos da Xunta".

Desde o PPdeG cualificaron de "extemporánea" a proposición non de lei presentada polos socialistas. "A súa iniciativa chega tarde porque o Goberno xa adoptou medidas para axudar ás familias con problemas económicos", xustificou a deputada popular María Seoane. Seoane argumentou que o Executivo decidiu "conxelar" as taxas universitarias para o próximo curso académico e contrapuxo esta actitude coa do bipartito, ao que acusou de promover "o maior incremento destas taxas" en xuño de 2006. "En xuño de 2009, determinouse a súa conxelación, compare", retou a deputada do PP. De paso, Seoane retou os socialistas a levar ao Congreso en Madrid unha petición a prol do aumento de bolsas ao presidente do goberno español.


2.5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: