Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Acusación dos socialistas

Nove de cada dez coches da Xunta mercounos o PP para agora "malvendelos"

O PP di que o Goberno aforrará 360 mil euros en seguros e reparacións. "Compráronos eles e vanos regalar eles", reprocha o PSdeG.

Redacción - 18:30 29/06/2009
"Galiza ten agora un presidente que viaxa orgulloso nun Citröen", insiste o PP

"Galiza ten agora un presidente que viaxa orgulloso nun Citröen", insiste o PP

"É unha padexada de terra máis sobre a cultura do desbalde que desenvolveu o bipartito", analizaba este luns Antonio Rodríguez Miranda, voceiro do PPdeG, ao respecto da anunciada venda de 23 coches do parque automobilístico da Xunta. "Cada vez que eses coches saían das instalacións do parque móbil as arcas galegas resentíanse polo seu elevado consumo e polo elevado custo por quilómetro percorrido que teñen os audis da Xunta", afirmou Rodríguez Miranda.

Dixo o representante dos populares que con esta decisión o Goberno pecha "un triste episodio na vida política do país: aquel que empezou cunha filosofía baseada en vivir mellor a custa dos galegos e pagar con fondos públicos bens innecesarios e caprichos de novo rico". "Galiza ten agora un presidente que viaxa orgulloso a bordo dun Citröen, mentres que parecía que aos membros do bipartito se lles caían os aneis se non viaxaban en coches de alta gama", opinou.

"Medida demagóxica", retruca o PSOE
O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, respondeu este mesmo luns ao anuncio dos populares afirmando que na práctica o executivo de Alberto Núñez Feijoo "malvenderá" os coches oficiais "pagados por todos os galegos" e que foron comprados polo PPdeG "nun 90%". "Compráronos eles e vanos regalar eles", lamentou, analizando criticamente o proceso de venda de 23 vehículos de alta gama que, dixo, "son patrimonio de todos os galegos".

Insistiu ademais no feito de que o actual equipo do PP na Xunta "trata de ocultar de modo efectista que o 90% dos coches que compoñen o parque móbil do Goberno foron comprados por anteriores gobernos do PP". "Por Manuel Fraga, por Feijóo...", citou, e recordou que este último dispoñía de "dous Audi A8 durante a súa etapa como vicepresidente". Ao fío da posibilidade de que se usen coches de aluguer nas viaxes e tamén en caso de revisións ou reparacións, agoirou o líder dos socialistas que se cadra na práctica "van gastar máis diñeiro".


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: