Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Agrupará as competencias nun único organismo

Cultura estuda importar o modelo catalán para o audiovisual galego

O conselleiro Roberto Varela anuncia que o Consello da Xunta nomeará esta quinta feira a persoa que dirixirá a Axencia de Industrias Culturais.

Redacción - 13:30 30/06/2009
Roberto Varela

Roberto Varela

A Consellaría de Cultura estuda importar o sistema catalán para xestionar o audiovisual galego e facer un seguimento dos proxectos con financiamento público. Ademais, traballa para agrupar as competencias na materia nun único departamento da Xunta.

"Gústame moito o sistema catalán", asegurou o conselleiro Roberto Varela logo de ser preguntado durante unha conferencia de prensa polo modelo para o noso país en que traballa o Goberno. Ao tempo, destacou que o de Cataluña "é máis rigoroso que o que hai aquí neste momento".

Neste senso, comentou que o modelo catalán realiza "un seguimento máis rigoroso" e "ao milímetro" dos proxectos cinematográficos que contan con financiamento da Xunta, tanto en canto á súa viabilidade coma aos resultados obtidos.

Así mesmo, Varela manifestou que están a traballar na agrupación das competencias referidas ao audiovisual nun só organismo da Administración. "Pode ser calquera dos que hai agora", sostivo, e engadiu que, deste modo, "terá un maior nivel de execución".

As propostas presentadas nas pasadas eleccións polos tres partidos que conseguiron representación parlamentaria eran bastante coincidentes, avogando por reunir o audiovisual nunha única consellaría. Os profesionais pedían a actualización da lei de 1999 e a reforma da CRTVG.

Artes Escénicas e Agadic

Por outra banda, con respecto ás reivindicacións do sector das artes escénicas, o titular de Cultura resaltou que a débeda da Xunta con empresas deste ámbito está liquidada ao "90%" e confía en resolver antes do 31 de xullo as axudas pendentes, tal e como se comprometeu coa Asociación de Actores e Actrices.

Por último, Roberto Varela anunciou que esta quinta feira o Consello da Xunta aprobará o nomeamento da persoa que dirixirá a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Coordinadora das Asociacións de Profesionais do Audiovisual
Precisamente, a recentemente constituída Coordinadora das Asociacións de Profesionais do Audiovisual, que agrupa a Asociación de Actores e Actrices (AAAG), a Asociación de Guionistas (AGAG), a Asociación de Técnicos do Audiovisual (ATEGA) e a Asociación de Directores Realizadores (CREA) critican a "parálise das institucións" e a "indefinición na política a seguir".

Neste senso remitíronlle ao presidente da Xunta actual, ao igual que o fixeran ao seu antecesor, unha serie de peticións ao respecto do audiovisual. Entre outras, a presenza das asociacións no organismo que asuma as competencias do audiovisual, a execución de pagos pendentes e a coordinación coa CRTVG.


4.67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: