Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Moción de censura

"Fóra os corruptos de Gondomar", berran os veciños

Tenso pleno na vila miñorana, con aplausos para o alcalde saínte, Antón Araúxo (BNG) e apupos contra os edís de PP, PSOE e Move Gondomar, asinantes do novo pacto de goberno.

Redacción - 13:00 07/07/2009



"Moción = corrupción" é un dos lemas que puideron lerse na mañá deste martes no auditorio Lois Tobío, no Concello de Gondomar, onde se convocou o pleno municipal para a votación da moción de censura presentada conxuntamente polos concelleiros de PP, PSOE e Move Gondomar.

O lugar quedou ateigado de veciños, que recibiron entre berros de "Alcalde, alcalde!" o actual rexedor, Antón Araúxo (BNG). Posteriormente, atrasouse o inicio da votación logo da tensa situación e os berros contra os edís que avalan a moción e que, para evitar a entrada no medio da xente, accederan de madrugada ao recinto do auditorio onde agardaron até á hora fixada para o debate, as 12h.

Arrebolaron entón fotocopias de billetes polo aire mesturados coas acusacións de "corruptos" e comezou o pleno. Paradoxalmente, o propio candidato a alcalde do PP, Martín Vicente Urgal, renunciou a facer o habitual uso da palabra para a xustificación da moción de censura, polo que non se produciu debate senón simplemente votación para a posterior toma de poder. Pola súa parte, o líder do grupo municipal do PSOE votou cunha rosa vermella na man.

"O pobo respondeu"
Na súa intervención, o alcalde saínte, o nacionalista Antón Araúxo, agradeceu o apoio dos veciños á súa xestión e cualificou de exemplo de "civismo e democracia" a protesta pacífica mantida na vila durante os últimos días en denuncia por esta moción de censura. "O tempo poñerá a cada quen no seu sitio", advertiu Araúxo.

Por outro lado, a voceira comarcal do BNG, Manuela Rodríguez, definiu de "cobardía" a actitude mantida polos edís de PP e PSOE, e chamou a atención tamén sobre a práctica inexistencia de persoas en apoio da moción no medio dun auditorio cheo de veciños. De paso, chamou a atención sobre a renuncia ao uso da palabra do que xa é novo alcalde, Martín Urgal (PP).

"Non fundamentaran até o de agora a moción de censura e non o fixeron hoxe tampouco", reprochoulles, "apenas alegaran un presunto desgoberno que ninguén percibía en Gondomar e o único que sabemos do que queren facer é a recuperación dun plan urbanístico xa freado pola xustiza". "Parece que só teñen présa por responder a quen sabe que intereses especulativos e favores que se cadra quedaron a deberlles aos seus amigos promotores", denuncia Manuela Rodríguez. A voceira do Bloque na comarca de Vigo tamén critica que o PSOE "aínda non expulsou" os concelleiros tránsfugas.


Ligazóns

4.94/5 (18 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Intervención do alcalde saínte, Antón Araúxo / Vídeo: Pedro Telmo

(Imaxes: Pedro Telmo e Santi Veloso / Valminor.info)
(Imaxes: Pedro Telmo e Santi Veloso / Valminor.info)
Grupo do BNG en Gondomar, co até o día de hoxe alcalde, Antón Araúxo, no centro
Grupo do BNG en Gondomar, co até o día de hoxe alcalde, Antón Araúxo, no centro
Núñez Sestelo (Move Gondomar) e Martín Urgal (PP)
Núñez Sestelo (Move Gondomar) e Martín Urgal (PP)
O alcalde saínte, Antón Araúxo (BNG)
O alcalde saínte, Antón Araúxo (BNG)
Un dos tránsfugas do PSOE escoltado á saída, con rosa vermella na chaqueta
Un dos tránsfugas do PSOE escoltado á saída, con rosa vermella na chaqueta
Antidisturbios á saída do Auditorio Lois Tobío onde se celebrou o pleno
Antidisturbios á saída do Auditorio Lois Tobío onde se celebrou o pleno
Os tránsfugas do PSOE no pleno deste martes en Gondomar
Os tránsfugas do PSOE no pleno deste martes en Gondomar