Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INFORME DE ECOLOXISTAS EN ACCIÓN

Nas principais cidades galegas a polución supera as recomendacións da OMS

A Coruña é das máis contaminadas do Estado por dióxido de nitróxeno (NO2), provocado polas emisións procedentes dos vehículos.

Redacción - 17:00 08/07/2009

Cunhas vilas industrializadas e ateigadas de automóbiles, non é sorprendente que o aire que respiramos estea cada día máis contaminado. Porén, un informe que acaba de publicar o colectivo Ecoloxistas en Acción revela até que punto a polución está a converterse en parte do aire que pasa polos nosos pulmóns. Malia as diferenzas de desenvolvemento e expansión das cidades, Galiza rexistra uns importantes niveis de polución que, nalgúns casos, chegan a superar os límites recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Así acontece, por exemplo, co principal contaminante presente no noso país, o PM10, unha tipoloxía de partículas en suspensión que teñen a particularidade de penetrar até as vías respiratorias baixas. A presenza deste último supera os valores recomendados nas cidades de Ourense, Lugo, Ferrol e A Coruña.

A situación é especialmente grave na Coruña, onde a estación de seguimento Corlab 1 detectou que se superaron os límites fixados pola lexislación europea, que son menos exixentes que os parámetros da OMS. Segundo o informe de Ecoloxistas en Acción esta cidade superou os límites en 46 días do ano pasado (o limiar está en 50 microgramos por metro cúbico para PM10).

Dióxido de nitróxeno
A capital herculina resultou ser tamén unha das cidades do Estado Español máis afectadas pola contaminación de dióxido de nitróxeno (NO2), xunto con Valencia e Cáceres. Neste caso, o valor medio de No2 que superou os 40 microgramos por metro cúbico (μg/m3) ao ano que recomenda a OMS foi de 44. Ourense rexistrou outra media elevada, con 36, e séguenlle Vigo e Lugo con 29.

O valor límite anual estabelecido pola lexislación para o ano 2005 estaba situado en 50 microgramos por metro cúbico e e vai reducíndose progresivamente a razón de 2 μg/m3 por ano até acadar no 2010 o valor límite obxectivo de 40, considerado o valor máximo compatíbel cunha axeitada protección da saúde. Porén, a cidade da Coruña non respecta aínda hoxe estes máximos.

Así, dende o colectivo ecoloxista subliñan que un dos principais responsábeis da contaminación é hoxe en día o transporte urbano, por mor do seu espectacular incremento en número e en potencia, que contrarrestou as importantes melloras tecnolóxicas nos combustíbeis e na eficiencia dos motores desenvolvidos nas últimas décadas. Entre as solucións, propoñen medidas como a de desincentivar o uso do coche e fomentar a mobilidade sostíbel, para o que suxiren ideas como aumentar as zonas peonís, impulsar e facer máis doado o uso de bicicletas ou mellorar o transporte público.


Ligazóns

3.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cadro da contaminación en Galiza (clique para ampliar). Fonte: Ecoloxistas en Acción
Cadro da contaminación en Galiza (clique para ampliar). Fonte: Ecoloxistas en Acción
A principal vía de contaminación das cidades é a do tránsito de vehículos
A principal vía de contaminación das cidades é a do tránsito de vehículos