Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Almorzo de traballo

A fusión empresarial preséntase como a mellor receita contra a crise

O economista José María Varas explica que o minifundismo económico galego só pode afrontar a situación económica uníndose e aproveitando sinerxías.

Redacción - 10:45 12/07/2009
Un momento da conferencia

Un momento da conferencia

As empresas galegas deben reformular o seu modelo de negocio por mor da crise e promover as fusións entre elas. Así o expuxo o conselleiro delegado de VR Business Brokers, José María Varas, nun almorzo de traballo onde estivo acompañado da directora xeral de comercio, Nava Castro.

No seu discurso, Varas dixo que o tecido empresarial do país, fortemente atomizado e con moitas pemes e microempresas que compiten por un mercado reducido, só pode ser rendíbel a curto, medio, longo e prazo mediante fusións que aproveiten sinerxías por afinidade das compañías.

Os principais problemas aos que se enfrontan actualmente as empresas galegas son a falta de solvencia e a escaseza de financiamento por parte das entidades bancarias. Segundo explicou Varas, estes problemas dificultan a supervivencia de negocios que se nutren de activo circulante de carácter crediticio. A fusión preséntase como a opción máis axeitada, ao unir os recursos de varias entidades nun proxecto común, con máis marxe de actuación.

O conferenciante afirmou que o baixo capital co que contan as empresas existentes dificulta o desenvolvemento da actividade empresarial. Ese patrón, ademais, trasladouse ás de nova formación. Para Varas, non é tan importante que medre o espírito emprendedor como garantir a solidez das firmas que xa existen.

Segundo os datos expostos, en Galiza hai máis de 200 mil empresas, das que a metade pertencen ao sector servizos. No mes de xuño estaban afiliados á Seguridade Social pouco máis dun millón de traballadores. No ano 2008, o Informe Axesor indica que se produciron 61 fusións, un 13% máis ca no ano anterior. 148 empresas atopáronse en procesos concursais na primeira metade de 2009.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: