Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MARISQUEO

De cando o percebe se trocaba por patacas

En cincuenta anos, o mercado deste marisco mudou considerabelmente: na actualidade o máis exclusivo percebe do Roncudo cotízase a 150 euros o quilo.

Isabel G. Couso - 17:40 13/07/2009

Xosé Baneira, experimentado percebeiro que faena na rochosa costa de Corme, leva máis de 20 anos traballando ao percebe. Ademais de ser o presidente da agrupación de mariscadores desta confraría de Ponteceso, é un espectador máis das mudanzas que este mercado ten sufrido no último medio século. "Antes non había quen quixera o percebe", explica, "non o comía ninguén". Sen dúbida, até hoxe o mercado deste produto pasou por diferentes fases até chegar á actual, cando o prezado exemplar do Roncudo se cotiza a 150 euros o quilo.

Os máis vellos contan que hai uns cincuenta anos, o percebe collido nestas costas se levaba até a vila de Corme onde se trocaba por patacas. "Capturábase exclusivamente para iso", lembra o patrón maior, Manuel Cousillas, "e iso cando había moita fame", subliña. Tamén Baneira recorda aqueles tempos: "pagábanse dous reais por un paxe de percebes, que tiña entón uns 30 ou 40 quilos". Con todo, a demanda para o consumo comezou a medrar aos poucos nos últimos 30 anos. "Cando comecei eu, ben entrados os anos oitenta, pagábase a 300 pesetas", recorda o percebeiro, "e a partir de aí, foi facéndose máis e máis prezado, pasou a 1000 pesetas, logo 3000 e de aí foi sempre para arriba".

Máis profesionais e menos furtivos
Da man desta suba de prezos, subiu tamén o interese en adicarse á súa captura. Os cantís do noroeste galego enchéronse de improvisados mariscadores que vían no percebe un xeito rápido de ingresar cartos. "En poucos anos desapareceu todo", explica Baneira. Dunha banda a sobreexplotación do recurso e, da outra, a inexistencia de ningún tipo de vixilancia provocou o acelerado esgotamento deste marisco.

Un exemplo é o caso de Corme. "Podía haber entón unhas 800 persoas adicadas á súa extracción, sen que preocupase o seu tamaño ou se quedaba cría", asegura o mariscador. "Traballamos moi mal e, ademais, o furtivismo estaba moi xeneralizado". Con todo, tomáronse medidas: "decidimos pechar a ría dous anos, e o resultado foi incrible", di Baneira, "botamos 20 anos vivindo de todo canto se criou naqueles dous anos".

Na actualidade, o marisqueo do percebe está moito máis regulado. Con todo, a apertura da veda e as cotas máximas de captura son decisións que toman as confrarías de pescadores, que non dependen da Xunta nin da consellaría do ramo. Son precisamente os profesionais do sector os que deciden cales son os períodos necesarios de paro para preservar o seu recurso máis prezado. En Corme, a veda abriuse a pasada semana, logo de sete meses sen percebes nas lonxas. Nesta zona trabállase exclusivamente en dúas épocas ao ano, dirixidas para a tempada de Nadal e para a súa festa gastronómica, que ven de celebrarse esta fin de semana. Son un total de 70 mariscadores con licenza que poden capturar até un tope máximo de cinco quilos por persoa e día.

Conivencia cos ilegais
Malia os avances, os furtivos seguen a ser un dos grandes problemas para o sector. "Seguen a estar chamados polo ingreso fácil", asegura Baneira, quen recorda que en moitos casos estes ilegais "teñen problemas doutro tipo", en alusión a algúns coñecidos casos de persoas con problemas de adicción. Nos últimos anos, o propio interese dos que actúan legalmente levou a moitas confrarías a contratar a vixilantes e a actuar con máis belixerancia sobre estes furtivos, noutros tempos máis tolerados. Así as cousas, os mariscadores dirixen as súas críticas cara as administracións, ás que acusan de non ser contundentes nas súas medidas contra os ilegais.

Outro tema é a comercialización porque, cara onde se dirixe ese percebe capturado sen licenza? Baneira non ten dúbidas: "claro que existe quen merque ese marisco; todos sabemos que os propios restaurantes e casas de comidas lles encargan a estes furtivos e así compran a un prezo máis económico".

Unha xornada laboral de tres horas
Cun oficio ao que só se poden adicar en dous meses ao ano, os percebeiros de Corme teñen que buscar outros métodos de subsistencia. A maioría, como Xosé Baneira, adícanse a outras especies cando se acorda a veda para o percebe. A navalla, o polbo ou a nécora son outros recursos para aqueles que, con todo, acadan os seus mellores beneficios do marisco de máis sona. Porén, o traballo do percebe debe adaptarse a unhas condicións que, ademais de extremas, deben adaptarse ás particularidades das mareas. "Normalmente saímos media hora antes da baixa mar, polo que temos un tempo de traballo de dúas horas e media ou tres horas", explica o mariscador. Ese é o tempo no que se fan cos cinco quilos que lles permite a lexislación.

Coa campaña xa iniciada, as expectativas dos mariscadores non son moi boas: "hai que dicir que hai moi boa calidade, pero tamén observamos que o percebe non se está a reproducir". Entre as rochas co Roncudo escasean este ano as crías, e os adultos esgótanse. "Hai algo que está a afectar ao produto", informa o presidente do colectivo de mariscadores, quen sospeita que a contaminación está a prexudicar aínda máis ao crustáceo.

Comercialización
Ademais da loita contra os furtivos e contra a contaminación que ameaza o percebe, outro dos grandes retos pendentes para o percebe galego segue a ser a súa comercialización. O patrón maior de Corme, Manuel Cousillas, explica que, na actualidade, o punto de venda máis importante para os do Roncudo é A Coruña e Malpica: "aquí non o podemos vender, porque apenas hai compradores e, polo tanto, non hai competencia". Este feito, común a moitas confrarías, fai que a venda se centralice en tres ou catro lonxas do país. "A rulas como a da Coruña veñen compradores de todas partes de Galiza, de Asturias e de moitos sitios máis, hai máis competencia e, por tanto, podémolo vender máis caro".

Dende a agrupación de mariscadores xa comezaron tamén a dar pasos para a posta en valor do crustáceo da costa de Corme. A súa comercialización baixo a denominación de calidade de "Percebe do Roncudo" é unha aposta para acadar máis vías de saída a este produto tan recoñecido: "temos a calidade e temos a forma, pero fáltannos os medios", explica o patrón maior. A proba dos bos resultados desta medida témola nos prezos nos que se cotizou o marisco na súa saída ao mercado baixo a nova denominación: "acadou un prezo de 150 euros o quilo en lonxa". O seguinte paso que queren dar os mariscadores é vendelo a través de internet, mais aínda están nunha fase inicial do proceso. "Precisamos apoio institucional", insiste Cousillas, "estamos moi orgullosos do produto que temos, mais é fundamental adaptarse aos novos tempos".


Ligazóns

4.64/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cotizado a 150 euros na actualidade, no pasado o percebe non tiña ningún valor
Cotizado a 150 euros na actualidade, no pasado o percebe non tiña ningún valor
Percebeiros na Illa de Ons, outra das zonas galegas que dan moi bo marisco / Imaxe: A Garazo (flickr)
Percebeiros na Illa de Ons, outra das zonas galegas que dan moi bo marisco / Imaxe: A Garazo (flickr)
No Roncudo, na costa de Corme (Ponteceso), adícanse ao percebe un total de 80 mariscadores / Imaxe: Marcos Rodríguez (flickr)
No Roncudo, na costa de Corme (Ponteceso), adícanse ao percebe un total de 80 mariscadores / Imaxe: Marcos Rodríguez (flickr)