Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CAMILO NOGUEIRA, EX-EURODEPUTADO

"A economía galega non depende para nada de Madrid"

Participou, canda a Xavier Vence, Gonzalo Vázquez Pozo e Francisco López Peña (Rodman) nun debate no encontro da Asociación de Estudos Galegos.

Redacción - 20:00 13/07/2009

"Galiza é un país rico"; esa é a mensaxe na que confluíron as intervencións dos expertos que esta tarde participaron no debate Galicia: unha nación no mundo. Unha visión económica e empresarial. Foi Camilo Nogueira quen máis incidiu neste punto, salientando que a economía galega está "totalmente internacionalizada", pois exporta o trinta por cento do que produce (mentres que Madrid só o fai co 10%) e que "non depende para nada da capital do Estado", que só é unha "referencia política e fiscal". Nogueira engadiu que "Galiza non é un país pobre", e que se non é máis rico é pola marxinación histórica que sufriu, por exemplo nas negociacións para ingresar na Unión Europea.

Nogueira seguiu referindo sectores e empresas galegas de éxito, como Inditex, "un éxito que no resto do Estado seguen sen entender, e que por iso houbo quen caeu nos tópicos españois de pensar que todo era cousa do narcotráfico, o mesmo que o éxito do Deportivo", bromeou Nogueira.

Tamén Xavier Vence quixo fixar a dimensión económica de Galiza nas súas xustas medidas: "non somos unha gran potencia, pero é que no mundo hai moi poucas grandes potencias, e de feito os países medianos e pequenos adoitan ser máis eficientes e neles os cidadáns teñen máis benestar", dixo o catedrático, que engadiu que a economía galega está "entre as 50 máis potentes do mundo polo tamaño do seu Produto Interno Bruto", polo que non é certo que unha Galiza autónoma non puidese sobrevivir nun mundo globalizado.

Economía e lingua
Aínda que habitualmente os congresos da Asociación Internacional de Estudos Galegos tratan sobre todo cuestións relacionadas coa cultura e a lingua, na súa edición deste ano, que comezou este luns e que rematará o venres, entran así mesmo debates e paineis centrados na economía ou nas novas tecnoloxías. Porén, no debate entrou tamén a lingua, da man de Gonzalo Vázquez Pozo, que criticou a actitude dun "goberno hostil" co galego e "posicionado claramente en contra da lingua", con orixe na "fobia que dereita sente contra o galego".

Consulta aquí o programa completo do congreso


4.33/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: