Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Actualícese

YouTube 'enterra' o Explorer 6

Segundo informan internautas de todo o mundo, o portal de vídeos de Google avisa de que deixará de apoiar o navegador da internet lanzado en 2001.

Redacción - 16:45 15/07/2009

O obsoleto (xa hai dúas versións posteriores) pero aínda bastante empregado Internet Explorer 6 ten un novo "inimigo" que contribuirá a que as persoas que o usan actualicen a un navegador máis moderno. O portal de vídeos YouTube parece que vai deixar de apoiar o navegador lanzado no ano 2001 e que, polo tanto, os seus contidos deixaranse de ver correctamente con el.

Segundo puideron comprobar usuarios de todo o mundo, e dos que se fai eco TechCrunch, están a aparecer avisos na parte superior da páxina de YouTube recomendando actualizarse, quer a Internet Explorer 8, quer a Mozilla Firefox 3.5, quer a Google Chrome.

Aínda que a iniciativa non é nova, pois numerosas webs de todo o mundo e diversas campañas xa pretenden erradicar esta antiga versión do navegador de Microsoft, o feito de que un portal tan visitado como YouTube inclúa este aviso pode ser definitivo para que se produza o cambio.

Internet Explorer 6 é o navegador por defecto de Windows XP, de aí o seu éxito. A pesar de contar aínda con fallos de seguridade e ser incompatíbel con moitos estándares da web, a súa difusión fixo que existan páxinas e aplicacións empresariais que funcionan exclusivamente con esa versión do navegador, o que dificulta as actualizacións.

O portal de novas en inglés Digg está a pensar en vetar os usuarios de IE6, mentres que o galego Chuza xa hai tempo que inclúe unha molesta mensaxe ás persoas que o visiten dende o navegador. En calquera caso, cada mes a súa porcentaxe de mercado segue caendo, mesmo máis en beneficio de rivais como Firefox ou Safari ca no do Explorer 7 e 8 de Microsoft.


4/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: