Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Dispoñíbeis con licenza libre

O Centro Ramón Piñeiro fornece novas ferramentas web para o estudo da lingua

O secretario xeral de Política Lingüística asegurou que apostará pola presenza do galego nas novas tecnoloxías.

M. del Río - 13:35 16/07/2009

O Centro Ramón Piñeiro presentou esta quinta feira unha nova versión do Corpus de Referencia do Galego Actual (Corga), unha base de datos representativa do uso do idioma que recompila textos publicados a partir de 1975. A nova versión do Corga, a 1.4, inclúe xa 25 millóns de formas ortográficas, o que, segundo o director do proxecto, Guillermo Rojo, "constitúe un enorme avance".

A principal novidade, ademais da ampliación das fontes, é a incorporación dun etiquetador-lematizador de galego, capaz de determinar, cunha taxa de erro "aceptábel", a categoría gramatical e a forma das palabras dun determinado texto, o que supón unha importante mellora con respecto ao corpus anterior. Este etiquetador, denominado Xiada, pódese probar na páxina do Centro Ramón Piñeiro.

O corpus etiquetado, tamén dispoñíbel na web, distingue case 260 mil formas gráficas e máis de 300 mil elementos gramaticais. Está previsto que se libere a comezos de setembro, o que resultará de interese para todas as persoas estudosas da lingua. Xa se pode descargar, por exemplo, a listaxe completa de frecuencias do Corga mediante unha licenza libre, a LGPL. As buscas son tamén libres, aínda que é preciso rexistrarse e obter un contrasinal.

Apoio ás novas tecnoloxías
No acto de presentación interviu o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que comezou a súa intervención saudando a súa antecesora no cargo, Marisol López, que asistiu como espectadora. Lorenzo comparou o labor do Centro Ramón Piñeiro cunha das prioridades do seu departamento, que será "ofrecer produtos e servizos electrónicos en lingua galega". Nesa liña, lembrou o seu apoio á asociación PuntoGal e a necesidade de que o galego debe ter unha "presenza destacada" no ámbito das novas tecnoloxías.


3.67/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: