Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Este luns pola mañá

Dezaseis persoas detidas en Cangas nas protestas contra as obras do porto deportivo

Entre outros, a concelleira Maruchi Álvarez e os voceiros do Foro Social Tiago Pérez e Antonio San Gabriel.

Redacción / EP - 17:45 20/07/2009
Veciños diante dos camións durante unha mobilización anterior / Imaxe: Foro Social

Veciños diante dos camións durante unha mobilización anterior / Imaxe: Foro Social

Actualización 17h40:

A costa canguesa viviu este luns un novo episodio da loita veciñal contra o avance das obras a pé do peirao do Salgueirón que, malia non contar con licenza municipal, seguen en marcha desde hai días. Como cada xornada, un grupo de persoas acudiu a primeira hora da mañá, coincidindo coa chegada dos operarios, para protestar pola obra. Ante a chegada dun camión que trataba de introducir unha máquina escavadora no lugar, membros do Foro Social de Cangas trataron de evitarlle o paso poñendo un vehículo no medio.  Posteriormente achegouse máis xente e producíronse momentos de tensión coa intervención dos antidisturbios da Garda Civil.

Até oito vehículos policiais, incluíndo varios antidisturbios, achegáronse até o lugar para protexer o desenvolvemento das obras. Malia que entre os presentes, o propio concelleiro de Urbanismo cangués, Mariano Abalo, tratou de mediar fronte ás forzas policiais, subliñando a inexistencia de licenza e por tanto a ilegalidade dos traballos no lugar, as forzas de seguridade actuaron "con violencia", segundo denuncian desde o Foro. Finalmente, foron arrestadas até dezaseis persoas, entre outras a propia concelleira canguesa de Persoal, Maruchi Álvarez (ACE). Segundo puido saber Vieiros, cando menos un ferido permanecía esta tarde nun centro hospitalario vigués. Desde o Foro Social e en conversa con Vieiros, denuncian "a actitude de BNG e PSOE" fronte a esta situación, criticando que permanezan de costas ás reivindicacións veciñais e non colaboren na paralización dunha obra "ilegal".


Actualización a primeira hora:

Tiago Pérez, veciño de Cangas e coñecido activista do Foro Social de Cangas que protesta contra ás obras do porto deportivo de Massó, foi detido na mañá deste luns por efectivos da Garda Civil, ao negarse a retirar o seu vehículo da entrada da obra.

Segundo confirmaron a Europa Press algunhas testemuñas e membros dos colectivos contrarios a esas instalacións, axentes do instituto armado están a protexer a entrada de maquinaria pesada ao lugar onde se están a desenvolver os traballos, que eles consideran "ilegais". Sobre as 9 horas a Garda Civil instou a Tiago Pérez a que retirase o seu vehículo, estacionado xunto ao valado de entrada das obras, para permitir o acceso dun camión cun guindastre, algo ao que o mozo se negou, porque "non había ningún sinal de prohibido aparcar".

As testemuñas aseguraron que os axentes levaron detido a Tiago Pérez, que tamén foi arrestado o pasado 13 de xullo no mesmo lugar por un suposto delito de coaccións, "sen mediar palabra, porque xa ían a por el". "Foi unha detención arbitraria", comentaron os activistas contrarios ao porto deportivo de Massó, indicando que manterán as súas protestas fronte ás obras, como fan dende hai meses.


4.89/5 (35 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: