Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Enésima polémica nas oposicións

Outra presa de fillos, noras e xenros de cargos do PP gañan asento "na Deputación de Baltar"

"Nin sequera gardan as aparencias", láianse desde o PSOE. O BNG denuncia a "impunidade" coa que Baltar usa a institución ao seu servizo "persoal".

R.N - 13:30 20/07/2009
O presidente do PP ourensán e da Deputación, Xosé Luís Baltar co líder do PPdeG, Núñez Feijoo

O presidente do PP ourensán e da Deputación, Xosé Luís Baltar co líder do PPdeG, Núñez Feijoo

O fillo do alcalde de Muíños, a nora do alcalde de Xinzo, o xenro do alcalde de Vilamarín, a filla da muller do tenente de alcalde de Cartelle... A lista de aprobados na última convocatoria de oposicións da Deputación de Ourense ofrece un amplo abano de nomes vencellados a cargos e parentes do Partido Popular na provincia. Desde a oposición recuperan unha vez máis as críticas xa reiteradas desde hai anos acerca do presunto "enchufismo" e privilexios no acceso á función pública a determinadas persoas do contorno do PP. "Cumpren a lei, pero de xeito retorcido", láiase Alfredo García, voceiro dos socialistas ourensáns na Deputación. Subliña García que ao referírense a estas persoas admiten que "é legal" o mecanismo a través do cal gañan as súas prazas, pero que se trata dun proceso "viciado" no que "nin sequera gardan as aparencias".

"Seguen usando a Deputación para controlar a provincia", acusa o Bloque
"Quen viva en Ourense coñece como é isto, e case nin sequera é partidista senón incluso personalista", expón Xosé Manuel Fírvida, voceiro do BNG na Deputación provincial, acusando o presidente da institución e líder do PP ourensán, Xosé Luís Baltar, de ser a man que move "toda unha maquinaria que permite controlar todo o proceso de contratacións".

Recorda Xosé Manuel Fírvida a longa lista de denuncias sobre este tipo de situacións que acumula a oposición no ente provincial e láiase da inédita porcentaxe do orzamento da institución que é adicado a gastos de persoal. "Até arredor de 1.200 persoas entre fixos e temporais en tempo de eleccións", calcula. Lembra Fírvida que o Bloque ten presentado propostas para, baixo as bases de contratación existentes ou a través da redacción dunhas novas, se estabeleza un sistema que controle con rigor estes procesos. "E aí deberan darnos voz a todos, sindicatos incluídos, e non só ao sindicato controlado por Baltar", reprocha.

"Un problema social"
"É un problema social", quéixase García, indicando que o mellor camiño segue a ser "a insistencia na mensaxe á sociedade de que se trata de prácticas inaceptábeis". "Se non conseguimos iso seguiremos nun camiño sen sentido", opina o voceiro socialista, quen di ser escéptico ao respecto da influencia que poidan ter na situación hipotéticas modificacións lexislativas en favor de maior rigorosidade nestes procesos.
De parecida opinión é o voceiro do BNG, quen por outro lado engade a preocupación pola ausencia de vontade da dirección do PP de rexeitar estas prácticas. "Mentres isto sexa un saco de votos para eles non van facer nada", censura en relación coa actitude de deixar facer dos líderes do partido e en especial do presidente do PPdeG e actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.


4.5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: